Por un só punto (64-63) foron quen de gañar os ourensáns na LEB. Mentres, o Obradoiro complica a permanencia na ACB cunha derrota co pechacancelas.
Partido cheo de tensión este domingo en Ourense, onde o Breogán visitaba a cancha do Auga de Sousas. Ao final do partido: 64-63, cun intento de remontada dos lugueses que non deu froito ao final. Con seriedade defensiva e rapidez no ataque labraron os ourensáns o seu espazo no partido marchando con lixeira vantaxe ao descanso e prognosticando vitoria fácil avanzado o terceiro cuarto.
Mais no treito final apertou o acelerador o conxunto visitante que mesmo no fío do parón do cronómetro conseguía poñerse por diante. Unha tripla de Ogirri pechou o marcador nas marcas finais e o balón aínda lambería o aro ourensán sen éxito. Co Cidade de Vigo como pechacancelas da categoría logo dunha nova derrota na casa, o Augas de Sousas mete distancia coa zona baixa mentres o Breogán permanece na zona media.
Na ACB complica a permanencia o Obradoiro que esta fin de semana non foi quen de defender a súa cancha xustamente diante da visita do pechancancelas da máxima categoría, o Murcia. Os murcianos marcharon cunha vitoria (67-79), dominando o combate, aínda que por estreita marxe, durante todo o partido.