Diversas entidades culturais réndenlle homenaxe ao galeguista ferrolán, falecido en Compostela o 25 de marzo de 1990.
Este xoves fixéronse 20 anos da morte de Ricardo Carvalho Calero, escritor e filólogo ferrolán que xa foi candidato a recibir os dous últimos Días das Letras. Considerado o principal pensador do reintegracionismo e impulsor desas teses nos anos 70 e 80 do pasado século, varias entidades partidarias do achegamento entre o galego e o portugués están a
preparar actos na súa honra.
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) quixo lembrar esta quinta feira "unha das figuras fundamentais da Galiza do século XX", en palabras do presidente da asociación, Valentim R. Fagim, quen salientou o seu "inquebrantábel compromiso" co país, pola súa "vasta obra literaria e científica".
Tanto a AGAL como outros colectivos dedícanlle este 2010 a Carvalho Calero, ano que coincide tamén co centenario do seu nacemento. O sábado 27, ás 12:30, a Fundaçom Artábria vaille render unha homenaxe ao insigne galeguista diante da súa casa natal, no Ferrol Vello. Haberá unha ofrenda floral, diversas intervencións e un recital poético.
Na rede podemos atopar máis información sobre a vida e a obra de Carvalho Calero, por exemplo, tanto na Wikipedia galega como na portuguesa, ou no especial que lle dedica na xornada do seu cabodano o Portal Galego da Língua.
A Fundaçom Artábria ten en preparación unha web sobre o ano Carvalho Calero. Na Biblioteca Virtual Galega atópase unha ficha do autor, cunha listaxe das súas obras e o acceso ao texto dalgunhas delas.
Na rede tamén están dispoñíbeis vídeos con entrevistas e intervencións de Carvalho Calero, como unha no programa O porvir da lingua, da TVG, dividida en dúas partes.