Escolas galegas e portuguesas concentran a actividade da cita co patrimonio inmaterial que, este ano, quere ser ponte entre o alumnado e seus avós.
Serán máis de 70 centros educativos de Galiza, Portugal, Brasil, Chile, Colombia, Cuba e Arxentina os que o próximo 16 de abril participen nunha nova edición, a XVI, da xornada multimedia de comunicación interescolar Ponte nas Ondas.
As aulas están convidadas este ano a construíren unha ponte de comunicación entre alumnado e avós e avoas. "Queremos que descubran os saberes que atesouran e que o reflictan nun programa audiovisual ou radiofónico, valorando os seus coñecementos e fomentando as relacións entre diferentes xeracións", expoñen desde a asociación Ponte nas Ondas. Os traballos realizados polos rapaces van ser emitidos durante a xornada. Alumnos de aulas de Infantil, Primaria, Secundaria e das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Tras-Os-Montes e Alto Douro van participar na programación audiovisual de 24 horas de televisión e radio por internet ese 16 de abril.
A xornada poderá seguirse a través da web de Ponte nas Ondas e os centros poden subir xa os materiais elaborados ao espazo habilitado. Por outro lado, durante a xornada haberá un seguimento especial e diversas actividades a través de Vieiros.
Congreso Ponte nas Ondas
Por outro lado, e para conmemorar os quince anos de actividade acumulados, en colaboración con Nova Escola, organizan o congreso internacional "Pontes de cultura, pontes de futuro – 15 anos de Ponte nas Ondas".
A cita xuntará o 23 e 24 de abril no Museo do Verbum, en Vigo, e o 25 en Melgaço, unha importante representación de figuras destacadas da comunicación e do patrimonio inmaterial galego-portugués que van reflexionar sobre a traxectoria da asociación nestes 15 anos e sobre a importancia do patrimonio cultural común para o futuro da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Sobre a importancia da comunicación na educación disertarán persoeiros como o xornalista Manuel Campo Vidal; Antón Costa Rico contextualizará o papel de Ponte…nas ondas! na historia da educación; Sharon Roseman destacará o papel fundamental do patrimonio común galego-portugués para o futuro da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, tema que tamén será tratado por antropólogos galegos e portugueses. Ademais, o mundo da radio e das TICs será abordado por profesionais de diferentes medios como Iñaki Peña de RNE-Radio 3. A presentación do traballo literario-discográfico Cores do Atlántico, promovido por Ponte…nas ondas! chegará da man da profesora holandesa da Universidade de Poitiers, Ria Lemaire e da artista brasileira Socorro Lira. O congreso pecharase co Concerto “PONTES NO ATLÂNTICO” con Socorro Lira, Joao Afonso e Uxía, o 25 de abril na vila de Melgaço.