A rexión de Scampia, arrabalde da zona norte de Nápoles e núcleo do crime organizado, escurécese no buscador.
O libro Gomorra, de Roberto Saviano, e o posterior filme de Mateo Garrone fixeron mundialmente famosa a rexión de Scampia (Nápoles), unha zona xa identificada anteriormente coa camorra napolitana e co tráfico de droga. Pois ben, se queremos coñecer esta rexión napolitana da man do Street View de Google atoparémonos cunha sorpresa: a zona está escurecida.
O servizo de Google, que permite ver fotografías de 360 graos a nivel de rúa de milleiros de cidades do mundo, impide visitar virtualmente pola tristemente famosa Scampia. Porén, os coches do Street View percorreron as rúas da localidade italiana e ofrecen imaxes doutras zonas próximas, mais non do barrio identificado coa mafia.
Pola súa parte, o portal xa alegou que por certas rúas os vehículos de Street View non puideron pasar, o que impediu a inclusión destas imaxes no seu servizo de mapas. Mentres, algunhas voces xa adiantan que este non foi o verdadeiro motivo, xa que Scampia conta con amplas travesías que permitirían o acceso dos coches. Avisan de que Google non se atreveu coa mafia napolitana e preferiu evitar un conflito co crime organizado italiano.