O Tribunal Europeo de Xustiza estabelece que teñen dereito a reclamar unha compensación cando os futbolistas asinan o seu primeiro contrato profesional.
Iago Aspas (Moaña) formouse na canteira do Celta
O Deportivo da Coruña ou o Celta de Vigo terán dereito a unha indemnización no momento en que calquera dos seus xogadores da canteira é fichado por outro club. Do mesmo xeito, terán que compensar a aqueles equipos aos que lles fichen xóvenes talentos. Así sucederá con todos os clubs europeos, segundo estabeleceu o Tribunal Europeo de Xustiza ao decidir sobre o caso do francés Olivier Bernard, formado no Lyon e despois xogador do Newcastle inglés.
O Tribunal pronunciouse así a favor do equipo francés, que reclamaba unha compensación económica despois de que o xogador rexeitase un contrato como profesional no Lyon par recalar no equipo inglés. A corte de Luxemburgo aprobou o pago dos 53.357 euros, que equivalen á retribución que Bernard tería percibido nun ano se seguise no club que o formou.
Esta decisión supón agora o primeiro precedente que favorece os clubs de canteira fronte os compradores. A partir de agora os clubs formadores terán dereito a reclamar unha compensación, cun importe que deberá determinarse tendo en conta os gastos soportados polos clubs, tanto na formación dos futuros xogadores profesionais como daqueles que nunca chegarán a selo.