Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado da Nación

"Un ano perdido en inoperancia e incapacidade", avalía Pachi Vázquez

O líder dos socialistas acusou a Feijoo de facer un discurso de reinvestidura logo de perder un ano "en paralizacións, confrontacións e demolicións".

Redacción - 18:45 16/03/2010

"Vostede mesmo recoñece que perdeu un ano de goberno", acusou o secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez ao presidente da Xunta. Segundo o deputado socialista, a intervención de Alberto Núñez Feijoo durante a mañá deste martes poderíase considerar "como o discurso de reinvestidura". Unha intervención que, en opinión de Pachi Vázquez semellou "máis propia dun presidente que vai iniciar unha nova lexislatura que de quen leva xa un ano no cargo".

O líder dos socialistas apúxolle a Núñez Feijoo que a actual taxa de paro, "a cifra máis alta desde que existen estatísticas rexistradas", evidencia que a "inoperancia e incapacidade" das políticas da Xunta os últimos meses teñen o seu mellor exemplo na economía. "O goberno do señor Feijoo deixou a Galicia sen política económica", acusou. Para Vázquez, o Goberno tratou de xustificar a súa "falla de iniciativa" neste eido "cun halo de pretendida austeridade, e que o único que intenta é ocultar un panorama desolador en canto a coñecemento, ideas e iniciativa política".

Vázquez reclamou a herdanza do bipartito no ámbito económico, insistindo en que o anterior Goberno impulsou a competitividade "a través do coñecemento e do diálogo social" e chamou o executivo actual a "reconducir" a situación. Neste sentido, ofreceulle ao presidente da Xunta a colaboración do grupo socialista nun posíbel "Pacto Polo Emprego e a Reactivación da Economía Galega", que advertiu, debera incluír "propostas e compromisos concretos".

Reproches sobre infraestruturas e políticas sociais
Médico de formación, Manuel Vázquez, debullou especialmente a actividade e plans do PP no eido da Sanidade e as políticas sociais. Na súa opinión as cifras indican que a sanidade pública é logo dun ano de xestión do PP "a peor dos últimos cinco anos" amosando un "estrepitoso fracaso" do modelo dos populares nesta área. Censurou de modo especial que se trata dun modelo que "hipoteca o futuro da sanidade pública, porque ao privatizar os novos hospitais, o mesmo servizo costa catro veces máis".


Segundo os datos dos socialistas por vez primeira en cinco anos empeorou a lista de espera cirúrxica e de primeiras consultas de especialistas, que viña descendendo cada ano, dende o 2006. Ademais, das 32 especialidades médicas que atende o Sergas, "a situación empeorou en 25 e empeorou tamén en 11 dos 14 hospitais que hai en Galiza". Entre outras causas referiuse aos recortes orzamentarios, supresión da actividade nos centros pola tarde desviando unha parte á atención privada e a non renovación de contratos a máis de 100 especialistas de hospital.

Por outro lado, o líder dos socialistas fixouse tamén no "parón do sector eólico", un freo importante para un sector chamado a xogar un papel clave na achega a PIB e emprego no país. Tamén situou "en saco roto" logo da chegada ao poder do PP os "esforzos" do bipartito en I+D, en formación e capital humano, e no impulso da iniciativa empresarial como elementos cruciais para o fortalecemento da competitividade. No que lle toca ao investimento público como panca de estímulo económico, queixouse da caída da licitación de obra pública en case un 60% o ano pasado, "deixando desamparado a un sector que sofre especialmente o embate da crise".

Erosión do ensino público
"O galego, con vostedes, volve a ser unha lingua inferior, denostada", queixouse Manuel Vázquez. Alén do decreto sobre o galego no ensino, o portavoz do PsdeG referiuse á supresión do dereito á gratuidade dos libros de texto e á redución "por primeira vez na historia" dos orzamentos da consellaría de Educación. Ao fío lembrou que o descenso en cartos para o ensino público coincidiu co incremento de orzamento para o ensino privado e a renovación dos concertos cos centros que segregan alumnos en función do seu sexo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: