Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ATÉ O 5 DE MAIO

Poesía azarosa na xanela de Vari Caramés, o amador.

Por primeira vez móstrase en Barcelona unha escolma monográfica do fotógrafo Vari Caramés. E faise na galería Raíña Lupa. Algunha confabulación de forzas artísticas do noroeste?

Lito Caramés - 19:30 15/03/2010

A mostra My Favorite Things vén de se abrir ao público en Raíña Lupa, sita na rúa Consell de Cent, a rúa das galerías de arte barcelonesas. Raíña Lupa é moito máis ca unha galería de arte. Rexentada por Rocío San Claudio Santa Cruz -verdadeira activista cultural multidisciplinar- Raíña Lupa tamén é editorial de libro de artista, esmeradas edicións e volumes de coleccionista. Raíña Lupa comisaria exposicións, colabora con entidades francesas e estadounidenses e fai producións, como é o caso de From I to J, homenaxe de Isabel Coixet a John Berger, que agora mesmo está na Casa Encendida de Madrid. Para tan complexos traballos, Rocío (orballo grácil, omnímoda nos seus territorios) conta con Iratxe González (luz melosa de fraga), excelente encadernadora e restauradora de papeis, e con máis profesionais femininas. Un equipo gañador.
My Favorite Things

A maioría das fotos que se poden ver na galería Raíña Lupa son en branco e negro, de animais, do tránsito, de obxectos varios, moitas recuperadas de traballos de hai anos. “As miñas teimas. Foi como rebuscar na caixa de galletas na que se van gardando vellas imaxes.” Están ordenadas por temas, complementadas por gorentosos sons de jazz e distribuídas de xeitos irregulares. Nunha parede só unha foto con can (can palleiro identitario), na de enfronte rebordan instantáneas de animais. O corredor contén obxectos cotiás, case minimalistas (un martelo, velas...), máis aló un cuarto recrea escenas urbanas, mentres que noutro recuncho vense flotabilidades de piscina. A policromía, cando a hai, é autónoma, cada cor gaña o seu espazo con forza. A barca que recibe ao visitante ten a pulsión romántica dunha peza de William Turner.

O nome da exposición xurdiu durante unha visita de Rocío San Claudio ao estudo de Vari Caramés para preparar a mostra. “Que é iso que soa?” “É My Favorite Things, de John Coltrane, un dos meus músicos favoritos”. Miráronse, sorriron... xa sabían o título da exposición de Raíña Lupa. “Encántame o jazz, Coltrane, Miles Davis. O meu traballo concíboo como pezas de jazz. Comezo por ver, sentir un tema, como se fosen as catro notas básicas do músico jazzista, logo xa vou argallando ángulos, variacións, enfoques, entradas de instrumentos...”

Vari Caramés (O Ferrol, 1953) vai dando explicacións polos cuartos da galería Raíña Lupa co espírito franco do carpinteiro de ribeira que selecciona madeiras para naves ventureiras. Vari, mergullador peregrino de orbes inquietantes, floricultiva bolboretas. Cando as ten metamorfoseadas nos miolos, mira polo visor para identificalas. O visor sempre a suxerir novos rumbos. Ten feito moitas exposicións, publicado un fato de libros, levado moitos premios, a súa obra está en ducias de museos. Comezou na fotografía de adolescente. O pai regaloulle unha Voigtländer (coa que aínda fai fotos) para que lle retratase pezas metálicas que facía. Seguiu facendo fotos e expondo mentres foi un dos propietarios d'O Patacón (A Coruña), paridoiro de proxectos, peirao de atraque de boas xentes de mal vivir: Leiro, Manolo Rivas, Lamazares, etc. E até hoxe, fotografía e vida.

Azar no cotián.

Unha muller na mostra: “Hai moitas fotos, estas da piscina, das rúas, que dis: isto xa o vin. Pero Vari Caramés ten ese don de estar coa cámara no sitio axeitado moitas veces. Descartada por tanto a casualidade, só queda recoñecer que Vari ten esa cualidade especial: lembrarnos a forza do cotián”. Vari Caramés responde aos visitantes con ese ollar atento (nada miope) de xogador de tute saído dun cadro de Cezanne. Mentres remata os preparativos indícalle a Iratxe: “non quero moita luz, máis ben pouca. Así percíbese mellor a maxia das fotos”. Quizais Vari non saiba do fermoso libro, Elogio de la sombra (Tanizaki), no que o novelista xaponés gaba a semiescuridade como o estado no que os obxectos rebentan
os seus segredos. Vari non é xaponés; seica o xaponés é Manuel Outumuro.

O azar é esa cousa tan curiosa e necesaria que me permite o descubrimento. Un exemplo do meu traballo, das miñas cismas: hai anos fixen a serie 'Visión animal', a miña homenaxe aos animais, e para facela non fun a África, nin á India buscar o exótico. Os animais tíñaos ao pé da casa, na rúa, no campo. Se quero retratar un dromedario non me seduce a idea de ir ao deserto, en cambio, se un día polas rúas da Coruña vexo pasar un, ese si que me atrae moito. O inusitado dentro da normalidade”. Outro Fellini embarcado na nave de idear realidades. Se o fotógrafo tivese que dicir un vieiro polo que se deixa ir de boa gana de certo diría que pola corredoira pola que deambularon Cartier Bresson, Brassaï, Doisneau. “Os encadres fágoos coa cámara, logo non retoco nada; se non me gusta como queda non serve. En moitas fotos destas aínda é visible o rebordo da amplificadora. Por iso é tan importante para min a xanela. O visor da cámara é o rectángulo cativo no que cabe o mundo. O visor é a xanela por onde entra todo. Ou por onde sae?”

Miraxes poéticas.

Hai ollares que descobren espazos. Espazos fronteirizos, de ítacas, de liliputs, de pouca cousa, tecedores -rexistro a rexistro- do territorio que se inventa indefinidamente, nos reloxos da intemporalidade.

A fotografía é poesía. Un haiku. Contar moito con pouco. Cada vez gústame máis precisar e usar menos elementos para facer a foto que quero. Non sei se é cousa dos anos...”. Ben coñecidos son os vieiros clarificadores (perder lastre) que seguiron moitos artistas: Rothko, Staël, Morandi, Tàpies, Cézanne, etc.

Vari Caramés, impar e intuitivo. Para el a maxia é o ingrediente fundamental do ser, o espello fondo que permite o optimismo vital. Mirar ao fondo das cousas, o misterio. “Gústame verme como un amateur, máis ca coma profesional. Amateur nese fermoso senso de amador”. Vari Caramés prefire os encargos abertos nos que pode ser o “amador” á procura das imaxes. Por iso gozou tanto capturando a xeografía de Gonzalo Torrente Ballester para a exposición Los Mundos de Gonzalo Torrente Ballester, que vén de se inaugurar en Salamanca e que logo percorrerá a xeografía galega. “Outra proposta que me encantaría que me fixesen: pór imaxes aos poemas dun libro. Imaxinas?” Vari quere acompañar un poemario de Méndez Ferrín coa xanela disposta á pescuda, á libre captación de imaxes. Quen ousa provocar a este cazador de soños?

Galicia?

Galicia é unha muller moi maltratada. Galicia está en todo o que son e en todo o que fago. A atmosfera especial das miñas fotos, a humidade, a brétema... Todo é Galicia. Respecto de Galicia teño esa melancolía -non depresiva, non derrotista- de quen observa continuamente que as cousas non saen como un quere. Esa falta de autoestima, ese autoodio que nos temos, que sempre hai algo que non vai: Puta melancolía! Cando saíron os resultados das últimas eleccións galegas, mirámonos os que estabamos expectantes e, diante do que ía vir dixemos: Puta melancolía!”

EXPOSICIÓN DE VARI CARAMÉS: My Favorite Things.

Galería Raíña Lupa

Horario:de martes a sábado, de 11-14 h e de 17-20,30 h.

Até o 5 de maio.

Entrada de balde.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: