A Cámara Baixa debate este martes unha moción do PP a prol da derrogación da suba. En Galiza, o PPdeG propón unha resolución do Parlamento contra o aumento.
O Congreso vota este martes unha iniciativa para a derrogación da suba do IVE
Na actual conxuntura de crise o goberno español ten entre as súas prioridades o aumento do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), medida xa aprobada e incluída nos orzamentos xerais do Estado co obxectivo de garantir a recadación de arredor de 11 mil millóns de euros máis para a caixa pública.
Alén das dúbidas que algúns analistas xa expresaron sobre o impacto negativo dunha medida deste tipo neste momento, a decisión foi aproveitada polo PP na batalla política fronte ao executivo estatal. Logo da polémica chamada á rebelión contra este aumento realizada pola presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, o PP presenta no Congreso unha proposición non de lei coa que reclama a derrogación da medida. A iniciativa contará co voto favorábel de CiU e o resto de grupos moveríanse tamén entre o apoio á moción ou no seu caso a abstención. En principio, os grupos que xa axudaran a sacar adiante o proxecto de orzamentos votando co PSOE, PNV e Coalición Canaria, poderían ser os únicos avais dos socialistas para salvar esta votación.
Votación en Galiza no Debate do Estado da Nación
Por outra parte, en Galiza o PpdeG anunciou que no conxunto de propostas de carácter económico que o seu grupo parlamentario levará á Cámara este martes para o debate de política xeral, irá unha específica sobre este asunto. O PP propón que o Parlamento inste a Xunta a demandar do goberno español que non se aplique o anunciado aumento do IVE.
"Tal como apuntan expertos e organismos nacionais e internacionais, a suba do IVE provocará graves efectos prexudiciais no consumo e, polo tanto, na economía, o que pode levar a que a recesión se manteña durante moito máis tempo", expuxo o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas.