Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LINGUA E ESCOLA

Educación presentará este sábado a proposta definitiva de decreto

O Consello da Xunta aprobará a nova normativa de linguas no ensino non universitario antes de que remate este mes.

R.V. - 17:10 12/03/2010
Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, nunha foto de arquivo

Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, nunha foto de arquivo

Un ano despois da vitoria electoral e logo dun intenso debate político e social, o Goberno presentará este sábado diante dos medios de comunicación o modelo lingüístico polo que se rexerá o ensino non universitario. Durante as últimas horas, o ruxeruxe da convocatoria non deixou de circular e, finalmente, a primeira hora da tarde, fontes da Xunta confirmaron a convocatoria de prensa.

Cal será o contido definitivo do novo texto? Dende o Goberno insisten nun reparto equitativo entre galego e castelán, porén, non se aclara o papel que terán os pais (unha das promesas do PPdeG e cabalo de batalla de Galicia Bilingüe) á hora de decidir o idioma de determinadas materias.

Nos últimos días, algúns medios como La Voz de Galicia, deron por feito que Educación marcará o idioma das Matemáticas (castelán) e Sociais (galego) e que logo os centros (coa opinión dos pais) farán un reparto equilibrado do resto das materias. De confirmarse este extremo, Educación volvería a un borrador elaborado xa en maio do ano pasado e que adiantou por aquelas datas Vieiros.

O desenlace dunha guerra interna e dunha forte presión social
O novo decreto chega logo dunha fortísima presión social, á que non foi allea o goberno de Feijoo. Nos últimos meses, o executivo tivo enfronte a toda a oposición política, a tres manifestacións multitudinarias e un paro xeral no ensino. Por se isto non fose pouco, a propia Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega criticaron os plans do Goberno. De feito, a Xunta xa anunciou que non poría en marcha, polo menos a curto e medio prazo, o modelo trilingüe co anunciou con altofalante na primeira proposta.

E mentres que Feijoo quedaba na máis absoluta soidade, diferentes voces comezaron a erguerse no partido. Aínda que todo o PPdeG coincide na necesidade de derrogar o decreto aprobado polo bipartito, dirixentes como o lugués Xosé Manuel Barreiro ou o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, chegaron a cuestionar internamente a xestión política que se estaba a facer con respecto á lingua e insistiron na necesidade de que o PPdeG se desmarcase de grupos de presión como Galicia Bilingüe.

Mais as presións chegaron por dobre vía, a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, apoiada por numerosos cargos urbanos, presionou ao entorno de Educación e ao propio Feijoo para que o executivo tivese entre as súas prioridades a liberdade dos pais para escoller as materais troncais dos seus fillos.


1,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: