Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caos na lei de dependencia

Datos falsos, descontrol de fondos e coaccións a traballadores

O PSdeG di que a xestión que a Xunta fai da lei de dependencia é unha "inmensa fraude". O PP retruca que agora faise "o que non fixo o bipartito".

Redacción - 17:45 11/03/2010
Beatriz Sestayo, portavoz de Políticas Sociais do PSdeG

Beatriz Sestayo, portavoz de Políticas Sociais do PSdeG

"A Xunta esta mirando para outro lado e falseando os datos", denunciou este xoves a deputada socialista Beatriz Sestayo, advertindo de que non existe ningún control dos fondos que o Goberno recibe para destinar a dependentes. Segundo avisou Sestayo, a día de hoxe nin sequera existe un control que garanta que os cartos supostamente asignados a esta área estean sendo destinados realmente a políticas de dependencia.

Unha "inmensa fraude" que a portavoz do grupo parlamentario do PSdeG neste eido exemplificou coas presuntas cancelas burocráticas coas que se lles estarían denegando dereitos a grandes dependentes. Segundo explicou a socialista, a Xunta, ao igual que está acontecendo con outros gobernos autonómicos "da dereita", está botando man da caducidade do expediente argumentando a ausencia dalgún trámite ou papel. "Recórtanlles así o seu dereito a esixir ante os tribunais", láiase Beatriz Sestayo.

Ao fío desta denuncia, Sestayo revelou a existencia de coaccións aos profesionais das oficinas municipais que pertencen á Consellaría de Traballo e Benestar. "Están chamando aos traballadores sociais das oficinas de dependencia suxerindo dunha forma certamente autoritaria que non se concedan prestacións económicas a dependentes, e que se substitúan por axudas a domicilio", criticou a deputada socialista. Por riba, esa axuda a domicilio estaríase cargando a fondos exclusivos dos concellos, práctica que en opinión de Sestayo é "o colmo da fraude".

O PP cualifica de "mentiras" as acusacións
A voceira en materia de Benestar do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, respondeu esta tarde ás acusacións do PSdeG cualificándoas de exemplo da "frustración por ver que a Xunta de Feijoo está a facer o que eles non foron capaces". "Falan de coaccións para que se aposte polos servizos fronte a prestacións económicas cando a mesma lei, que parece que non coñecen os socialistas, aposta polos servizos esenciais como mellores garantías de atención mentres considera a prestación económica como excepcional", argumenta Rodríguez Arias. De paso, a portavoz do PP reclámalles aos socialistas que lle "esixan ao Estado que achegue o 50% do financiamento da lei que debería e que segue sen achegar".


2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: