Algúns gobernos locais pensan en mudar o nome da súa cidade polo da multinacional, todo para experimentar fibra óptica dun xiga.
Google anunciou hai un mes que escollerá unha cidade -estadounidense, iso si- onde instalará unha rede experimental de acceso á internet dun xigabit por segundo de velocidade. A iniciativa espertou a competitividade entre diferentes concellos dos EUA, dispostos a calquera cousa para que a compañía se fixe neles.
Un dos casos máis esperpénticos é o da cidade de Topeka, no estado de Kansas, que asegurou que mudaría o seu nome por Google, Kansas. A administración local xa parece experta nestes asuntos, pois xa se convertera, no ano 1998, en "ToPikachu" para acoller o lanzamento dos videoxogos de Pokemon para Nintendo.
Coa mudanza do nome, a cidade pretende demostrar que a súa candidatura é "seria". Porén, legalmente, a nova denominación oficial non podería ser temporal, senón definitiva, aínda que podería recibir o nome simbolicamente.
As cidades que aspiran a contar coa rede de fibra óptica ultrarrápida pensan conseguir atraer novos habitantes e empresas que se poidan aproveitar dunhas vantaxosas condicións tecnolóxicas das que agora carecen. A rede que pretende probar Google só ten capacidade para un máximo de 500 mil persoas e, preferibelmente, moitas menos.
As campañas están a ter lugar, tamén, nas redes sociais, con recollidas de sinaturas no Facebook. En moitos casos atópanse en áreas ás que non chega a fibra óptica e, polo tanto, a internet de alta velocidade. A pretensión de Google, que até agora non se dedicara ao negocio de prestar acceso á rede, é demostrar que se pode estender fibra a baixo custo, e así presionar os operadores tradicionais.
Aínda así, resulta sorprendente que entre as cidades candidatas estea a californiana de Palo Alto, situada en pleno Silicon Valley e cunha das redes de fibra máis amplas do país. A petición débese a que, precisamente pola súa situación, non pode optar a axudas gobernamentais. A súa oferta cara a Google é ofrecerlle unha rede que conecta todos os edificios oficiais e onde unha alta porcentaxe da poboación conta con acceso de alta velocidade, que podería aproveitar para experimentar servizos innovadores a través da internet, segundo conta Ars Technica.