Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Para a súa filial NORFOR

A APDR advirte do calote de ENCE para recuperar a certificación forestal sostíbel

Norfor perdera o selo en 2008 e agora pretende obtelo de novo co que a Asociación pola Defensa da Ría cualifica de "artimaña" baseada nunha fraude.

Redacción - 09:30 11/03/2010

Non foi até hai algo máis dun ano que se confirmou definitivamente a retirada da certificación forestal sostíbel á empresa NORFOR, filial de ENCE. Culminaba así un longo proceso de denuncias por parte de colectivos ambientais que advertiran reiteradamente de que tal certificación era un erro que desprestixiaba gravemente o labor certificador da organización internacional Forest Stewardship Council (FSC).

Mais o asunto volve agora á actualidade logo de coñecerse que Bureau Veritas, empresa adicada á certificación, vaille conceder a Norfor un novo certificado de xestión forestal sostíbel baixo os criterios da FSC. A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) advirte de que "en complicidade", a certificadora e a empresa forestal "idearon unha artimaña" para burlar a legalidade. "Seleccionaron un pequeno grupo de parcelas, aproximadamente a cuarta parte das que xestionan, e as que presentan mellor aspecto, para despois de sometelas a maquillaxe, certificalas e poder dispoñer dun selo que os mercados esixen cada vez máis", denuncia a APDR.

Longa lista de denuncias
Ambientalistas e veciños recordan a longa lista de acusacións que caen sobre Norfor polos prexuízos causados aos ecosistemas coa súa actividade de monocultivo de eucalipto, "aniquilando calquera tipo de diversidade biolóxica nas parcelas que xestiona".

Entre outros, téñense censurado as técnicas de plantación e tala masivas, provocando forte erosión que degrada os solos, reducindo a súa fertilidade e capacidade para soster vexetación e, eliminando a materia orgánica que conteñen. Tamén se ten acusado a Norfor de eliminar mesmo formacións vexetais protexidas pola directiva Hábitat como diversos tipos de mato. Ademais, repróchaselle o uso masivo de agrotóxicos "que provocan un inmenso dano no medio natural e afectan a posibles recursos do monte aparte da madeira", de herbicidas e sustancias de alta toxicidade que destrúen o alimento de todo tipo de herbívoros e mesmo de especies de interese cinexético e que tamén teñen afectado gravemente a actividade apícola.


4,17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: