Será un espazo de reflexión que ofrecerá un programa cheo de actividades para poñer en valor "a forza do noso mar, o imaxinario e a potencia do noso territorio".
"Desenvolver iniciativas tendentes a conseguir a proxección exterior da Costa da Morte e, simultaneamente, que os propios a recoñezan, a valoren e se comprometan coa súa salvagarda e aproveitamento intelixente". Este é o obxectivo que se marca o Foro Costa da Morte, un espazo de encontro e reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro da comarca, "sobre os seus sinais de identidade xeográficas, sociais e culturais, mais tamén sobre o atraso socio-económico case endémico que arrastra".
O fotógrafo Manuel Sendón e os profesores Xabier Turnes e Miguel Vázquez Freire foron os encargados de presentar oficialmente este Foro, unha entidade coa que tamén colabora a Universidade Popular de Corcubión. Os concellos de Fisterra, Muxía, Camariñas, Cee, Corcubión e Vimianzo acollerán ao longo de todo o ano a pensadores, expertos e artistas nacionais e estranxeiros para profundar nun "diálogo entre o universal e o propio".
Ampla programación
As actividades, que se desenvolverán entre abril e agosto, vertébranse en torno a catro eixos fundamentais: as xornadas, os obradoiros, os proxectos e os encontros.
No marco das xornadas, os organizadores propoñen unha reflexión sobre os fachos de Fisterra e Touriñán; sobre a xeografía da Costa da Morte ou sobre a representación do mar e da paisaxe na arte galega, entre outros temas. Os obradoiros, á súa vez, tentarán ofrecer unha nova visión sobre a arquitectura da man do "Espazo Batente", ademais de clases sobre vídeo ou edición gráfica. Os proxectos achegaranse á creación fotográfica, ao teatro ou á danza. E finalmente os encontros servirán para pechar o I Foro Costa da Morte, configurando unha exposición de todas as obras creadas e abrindo un espazo para reflexionar sobre o feito.