A presión dos promotores inmobiliarios remata na xa anunciada modificación da normativa de edificación deseñada polo bipartito.
Subliñou este xoves a Xunta que a nova 'Normativa de Habitabilidade' nace dun "amplo consenso entre todos os axentes que participan na promoción e construción de vivendas en Galiza" e engade que "conta cun amplo apoio que contrasta coa coa contestación da anterior norma".
Na práctica, o consenso ao que se refire a Xunta ten que ver fundamentalmente coa insistencia que desde a patronal dos promotores inmobiliarios se viña realizando ao respecto da esixencia de modificación da norma aprobada polo bipartito. Xunto co rexeitamento á lei de medidas urxentes que protexía o litoral, as devanditas normas do hábitat eran unha das prioridades no combate da patronal do sector. Entre outros, laiábanse do incremento de custos xerado polas normas deseñadas na anterior lexislatura e cualificaban de excesivos os requirimentos técnicos introducidos. De feito, xusto antes da entrada en vigor do novo marco legal deseñado pola anterior Consellaría de Vivenda multiplicárase o rexistro de novas edificacións tratando de esquivar as novas esixencias para a obtención de permisos.
A Xunta asegura que os cambios son mínimos
As normas de habitabilidade son o marco legal que fixa os requirimentos mínimos de funcionalidade que deben cumprir as vivendas para seren consideradas "habitábeis" e, desde o executivo do PP aseguran que "non existen grandes diferenzas" coa normativa anterior. De xeito concreto, no anuncio da modificación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, referiuse á transferencia aos concellos da responsabilidade á hora de estabelecer excepcións que, no marco anterior, precisaban de pasar a peneira da Consellaría de Vivenda.
Desde o Goberno salientan que se permite a existencia de apartamentos dunha única estancia que a normativa anterior non permitía; que se reducen as dimensións mínimas para as zonas de lavadoiro-tendal; fíxanse marxes máis tolerantes para "imprevistos xurdidos no proceso construtivo"; elimínanse "rixideces na distribución das pezas que a anterior normativa estabelecía"; e "adecúanse esixencias dos espazos comúns" suprimindo por exemplo a necesidade de patios de iluminación para distribuidores e escaleiras. Ademais, suprímense esixencias arquitectónicas referidas ao espazo exterior ao que se abren as vivendas e ás condicións de orientación das mesmas.
A norma inclúe cambios tamén no que lle toca á rehabilitación de vivendas, de xeito que se abrandan as condicións en casos de conflito coa protección do patrimonio, ábrense procedementos de "excepción" para casos nos que non sexa posíbel o cumprimento estrito das normas e de xeito xeral redúcense esixencias en actuacións das rehabilitacións de menor dimensión.