O Goberno enviou cartas aos alcaldes advertíndolles de que se podería impugnar o proceso selectivo se as probas non atendían á vixente Lei de Función Pública.
O BNG acusa a Xunta de “enviar cartas de extorsión” aos concellos co obxectivo de suprimir os exames de galego nos procesos de selección de persoal.
En comisión parlamentaria, Bieito Lobeira deu lectura a unha destas misivas na que se advirte de que o proceso selectivo poderá ser impugnado se as probas de acceso non atenden á vixente Lei de Función Pública (LFP). O documento subliña tamén que esta nova lexislación permite substituír este exame de galego nas oposicións por un certificado oficial que acredite o coñecemento deste idioma.
Lobeira considerou que esta medida se enmarca nunha estratexia de “españolización dos municipios, por imposición pura e dura” e lamentou que, con medidas coma esta “elimínase o dereito dos cidadáns a recibir atención e información nun dos idiomas oficiais de Galiza”. “Por que tanta furia contra a nosa fala?”, preguntou ao tempo que acusou ao PPdeG de “ir en contra do galego”.
Para o PPdeG, estrito cumprimento da lexislación
Pola súa parte, o Goberno rexeitou estas acusacións negando que existan “prexuízos ideolóxicos” algúns. Se ben recoñeceu a existencia destas cartas, o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, negou que conteñan ameazas. “O seu único propósito”, dixo, “é o de velar polo cumprimento da legalidade”. Ademais, engadiu que, antes da reforma da LFP, un total de 14 concellos recibiron iguais comunicacións por “non prever probas en lingua galega”, tal e como daquela recollía a lei.
Lobeira rexeitou estas explicacións e lembrou o pasado falanxista do actual responsábel da Administración municipal: “non poderá amputar o libre exercicio da utilización do idioma de Galiza, por moi falanxista que sexa”, dixo. Pola súa parte, Uzal (quen concorreu nunha candidatura de Falange Española Independiente ao Parlamento Europeo) defendeuse: “eu son de centro reformista e galeguista integrador, como todo o PP” e avanzou que seguirá coa súa “labor de control para que o acceso á función pública se ateña aos principios legais”.