Aproveitando a dimensión do evento, Brasil e países africanos achéganlle a iniciativa ao Consello de Dereitos Humanos da ONU.
O Mundial de Fútbol ten lugar en Suráfrica do 11 de xuño ao 11 de xullo
"Un mundo de deportes libre do racismo e a discriminación" é o lema proposto ao Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, para que adopte o lanzamento dunha campaña mundial contra o racismo. Unha campaña que quere aproveitar a repercusión do evento futboleiro que se celebrará en Suráfrica este verán para concienciar a sociedade da necesidade da loita contra o abrollo de actitudes racistas.
"Infelizmente é no fútbol onde moitas veces acontecen estas manifestacións do racismo", recordaba ao respecto o ministro brasileiro Paulo Vannuchi, subliñando o potencial dos deportes para a sensibilización da cidadanía a prol de temas sociais. A proposta foi realizada polo Brasil xunto a outros países africanos durante a sesión anual do consello da ONU sobre dereitos humanos. Os seus promotores agardan que todas as delegacións internacionais lle dean a beizón en breve a esta iniciativa. Unha campaña ademais que aproveitaría a coincidencia da celebración do mundial en Suráfrica, cando apenas se cumpriron dúas décadas despois da abolición do apartheid.