A Audiencia Nacional imponlle 16 anos de inhabilitación absoluta, o que podería rematar definitivamente coa súa carreira política.
A xustiza española considera que Arnaldo Otegi enalteceu en 2005 a ETA durante unha homenaxe a José María Sagardui, preso de esta organización armada. O noutrora líder da esquerda independentista vasca foi condenado pola Audiencia Nacional a dous anos de cadea por este delito e a outros 16 de inhabilitación asboluta. Isto impediríalle a Otegi presentarse a ningún comicio até o 2026, o que significa na práctica a fin da súa carreira política.
Otegi permanece en prisión provisional dende hai preto de cinco meses. O xuíz Baltasar Garzón coida que o líder independentista estaba intentando reconstruir a dirección de Batasuna de xeito coordinado con ETA.
A condena chega cando dentro do mundo do independentismo vasco se está a dar un importante debate sobre a necesidade de abandonar a violencia política. Otegi, canda o histórico dirixente de LAB Díez Usabiaga, tamén preso, aposta pola necesidade de que ETA deixe as armas e que se lle dea prioridade á vía política.