A executiva engade tres secretarías, con Verónica Ramos en Igualdade; Áurea Barreiro en Emprendemento e Cristina Fraga en Medio e Cambio Climático.
O sindicato Unións Agrarias oficializou este sábado os resultados das deliberacións en torno á composición dos órganos de xestión. A lista proposta por Roberto García recibiu o apoio do 85,58% dos delegados. Ademais, a lista para o Comité Federal da Unión de Pequenos Agricultores (UPA) foi apoiada polo 94,24%, e a do Comité Nacional UXT Galicia, polo 93,27%.
Na súa intervención na clausura do congreso, Roberto García insistiu en que a Política Agraria Común (PAC) debe continuar máis aló de 2013 e apostou porque o grupo cooperativo que se poña ao fronte á planta de Pascual de Outeiro de Rei acolla ao resto das cooperativas que amosaron o seu interese en participar neste proxecto.
A nova executiva de Unións Agrarias estará formada por 11 mulleres e 8 homes. A permanente queda constituída por Xosé Rodríguez, Xavier López, Xavier Iglesias, Xosé Ramón González, Xacobo Feijoo, e Óscar Pose que revalidan os seus postos, e entran, asumindo secretarías de nova creación, Verónica Marcos, para Igualdade; Áurea Barreiro para Emprendedores do Rural e Autónomos; e Cristina Fraga, para Medio Ambiente e Cambio Climático.
Actualización 10h:
Un total de 250 delegados de Unións Agrarias (UUAA) deron na tarde deste venres o seu apoio no 8º Congreso Nacional á candidatura encabezada por Roberto García para dirixir o sindicato agrario durante os próximos catro anos. O que foi secretario xeral desta organización durante 23 anos volverá asumir este cargo, tras ser reelixido por quinta vez cun amplo respaldo.
Así mesmo, os delegados e representantes comarcais do sindicato agrario avalaron a nova comisión permanente, órgano de dirección de UUAA, que incorporará novidades nas súas áreas de xestión, fronte ás sete --organización, administración, agricultura, gandaría, servizos e desenvolvemento rural-- coas que contaba ata a data.
García continuará liderando Unións Agrarias nos próximos catro anos xunto ao seu equipo, no que Xosé Rodríguez asumía a secretaría da área de organización; Xavier López a de administración; Xavier Iglesias a de acción sindical; Xosé Ramón González a de gandaría; Óscar Pose a de servizos e asistencia técnica e Xacobo Feijoo a de desenvolvemento rural.
Espinosa e Feijoo na clausura
A ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, clausurarán o congreso, que se celebra dende o venres en Santiago de Compostela.
O ministro de Fomento, Xosé Blanco, non asistirá ao evento, aínda que nun principio se prevía a súa intervención, segundo confirmaron a Europa Press fontes do PSOE. O secretario xeral da Unión de Pequenos Agricultores (UPA), Lorenzo Ramos, abrirá o acto de clausura no que, a continuación, participarán o secretario xeral de UGT, Cándido Méndez, a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino e o presidente da Xunta. Por último, o secretario xeral de Unións Agrarias pechará un congreso no que participaron máis de 250 delegados e representantes comarcais, así como uns 300 convidados institucionais. No 8º Congreso Nacional, cuxo lema é 'Negociación agraria = rendas dignas', expuxéronse as liñas estratéxicas de Unións Agrarias para os próximos catro anos que se centrarán en reivindicar a negociación do valor dos produtos como dereito dos agricultores e gandeiros, ademais dunhas condicións de vida e traballo dignas no medio rural.