O colectivo artístico organiza un festival de poesía e de experimentación en Valadares, con lecturas, proxeccións e actuacións musicais.
Esta fin de semana, a asociación de artistas alg-a, con sede en Valadares, organiza un festival de poesía e experimentación, Sopa de alg-as. A actividade, que terá lugar o 19 e o 20 de febreiro, contará, no lado poético, coa intervención do Leo i Arremecághona, Elvira Riveiro, Ledicia Costas, María Lado, Silvia Penas e membros do colectivo vigués A porta verde do sétimo andar. Todos eles farán lecturas e/ou proxeccións de traballos audiovisuais.
A parte musical formarana os grupos de rock Mr Carácter e a rapeira viguesa Aid, que publicou o ano pasado o seu primeiro álbum. O programa complétao Antía Sánchez e Lucía Romaní, que presentarán poesía visual; Nelaque, cunha acción-instalación, e Mig Seoane, coa videoinstalación 'autopoema colectivo'.
Ao longo das dúas xornadas do festival, María Lado impartirá un obradoiro de creación poética no Centro Sociocultural de Valadares, mentres que o resto das actividades terán lugar no laboratorio da asociación, no mesmo barrio vigués.