A final será o día 6 de marzo a partir das 18.00 horas na Praza da Vila. O gañador será o encargado de pechar os concertos da xornada.
Willy Naves (Asturias), Bongo Experience (Cataluña) e os vigueses Belöp son os tres finalistas da segunda edición do proxecto Queixo Maquetón, que se desenvolve no marco da programación da 35ª Festa do Queixo de Arzúa. Este ano recibíronse un total de 30 proxectos chegados desde distintos puntos do Estado, converténdose de novo nunha referencia para o descubrimento de novas bandas.
Willy Naves presenta o seu proxecto persoal logo de militar en varias bandas da escena asturiana. No verán de 2009 publica o seu primeiro EP de estudio, autofinanciado e titulado La Casa de la Playa, cunha grande acollida entre a crítica especializada. De feito, a revista Mondosonoro seleccionouno para actuar nas súas Fiestas Demoscópicas.
Os de Vilanova i la Geltrú, Bongo Experience, xa foron semifinalistas o ano pasado. Regresan á final cun estilo enérxico, bailábel, moderno e innovador. Foron gañadores do concurso estatal de músicos amador en 2008, seleccionados para a recompilación Mejores Talentos Myspace e recentemente elixidos como grupo revelación do mes de outubro por El Detonador.
E do país -como en 2009, con Maryland, desde Vigo- accedeu á final Belöp. Este trío chega logo dunha boa acollida na web e após gravar en maqueta tres temas que formarán parte do seu primeiro disco. Ademais, acadaron o premio de mellor maqueta do ano 2009 no prestixioso certame Maketón Estrella Galicia dos 40 Principales.
Final, o sábado
A final será o sábado 6 de marzo a partir das 18.00 horas na Praza da Vila de Arzúa. O gañador será o encargado de pechar os concertos da xornada despois das actuacións no Campo da Feira dos franceses rinôçérôse e dos murcianos Second. O xurado, ademais dos organizadores do propio proxecto, estará composto por destacados profesionais vinculados ao mundo da música.