O senador Juan Juncal asegura que as instalacións de Fene están "infrautilizadas" e que son necesarias para a economía da comarca.
Instalacións de Navantia en Fene / Galipedia
O Partido Popular preguntaralle ao Ministerio de Industria polas accións levadas a cabo polo goberno español para que, aproveitando a presidencia da Unión Europea, se lle levante o veto á construción naval civil en Navantia. Na comisión de Industria do Senado, preguntaráselle ao ministro que explique a súa postura sobre a empresa pública, que até 2015 só pode realizar un 20 por cento de construción civil.
O veto en Navantia provén dun acordo entre o Estado Español e a Unión Europea para evitar ter que devolver as axudas públicas outorgadas durante a época de Aznar e que a UE considerara ilegais. O senador do PPdeG Juan Juncal asegurou que o levantamento do veto permitiría que o estaleiro de Fene abandonase o nivel de "infrautilización" en que se atopa na actualidade, e engadiu que as instalacións de Navantia son "fundamentais" para que o sector naval sexa o motor económico de Ferrolterra.
Juncal tamén alertou de que Navantia está a ter uns resultados económicos negativos que non coinciden co seu Plan de Empresa, que prevía beneficios millonarios en 2008 e 2009. Contrastou eses datos co elevado nivel de ocupación en que se atopa, con encargos de Noruega, de Australia e do Estado Español, malia que en 2009 non recibiu ningunha "contratación nova", o que podería levar a un período de "subactividade".