Beluso (Bueu) vibrou na pasada fin de semana ao son da reapertura da disco-tasca Aberto por Reformas. Podes escoitar aquí o programa.
Como non podía ser doutro xeito, a Casa do Pobo de Beluso quedou pequena para acoller as ansias da boa música galega, as gañas de escoitar, outra vez, contra imposicións e censuras, o Aberto por Reformas de Xurxo Souto. Xunto co seu compañeiro Vituco Neira reabriu a disco-tasca diante dun agradecido público que vibrou ao son da intensidade sonora máis vizosa do país.
Música tradicional, música punk, música elaborada en clave de jazz... O que se puido escoitar en directo grazas á iniciativa da Asociación de Mozas e Mozos de Beluso foi música a eito, unha mostra do fervedoiro creativo que foi sempre, e segue sendo, a comarca do Morrazo. Velaquí a gravación do programa radiofónico, grazas á colaboración dos Mozas e Mozos e a Komunikando, punto de encontro na rede da música galega non subvencionada.