Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Lei de Caixas

Caballero augura unha gran manifestación e carga contra o BNG

O PP acusa o alcalde de "ameazar" clubs deportivos e este di que "as coaccións están a ser ao revés" e culpa o BNG.

Redacción - 17:00 09/02/2010

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que a mobilización que convocou para a tarde desta mesma xornada a partir das 20.00 horas en rexeitamento á fusión das caixas galegas será "masiva", ao tempo que acusou o BNG de realizar "anuncios contra a manifestación".

O rexedor socialista asegurou que a manifestación se realiza "en defensa de Vigo e para que Caixanova continúe co seu proxecto vigués e de futuro". Así, afirmou que a día de hoxe "non existe un só dato que contradiga" as súas teses sobre a "solvencia" da caixa e o seu tamaño "suficiente" para pervivir por si mesma.

Ademais, Caballero acusou o BNG de realizar "anuncios" en contra da manifestación desta tarde e pediulle que teña "valentía política" para convocar unha mobilización a favor da fusión, para defender a súa posición. Tamén se preguntou "por que non deron a cara e se agochan detrás de anuncios sen asinar".

Neste senso, criticou que o BNG de Vigo garde "silencio" mentres "o BNG de Galiza está contra Vigo". Segundo engadiu, isto tamén acontece co PP local e o "atentado contra Vigo" que, segundo o rexedor, intenta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Por iso, convidou a ambas as dúas formacións a que "hoxe estean na manifestación" e que "recuperen o terreo perdido".

En canto aos 'populares' vigueses, tamén acusou a presidenta do partido local, Corina Porro, -e tamén o presidente provincial, Rafael Louzán- de estar en contra da fusión "antes das eleccións" e agora defender a integración das dúas caixas por "obediencia e submisión" a Feijoo e ao PP da Coruña.

Réplica ao presidente de Pescanova

Ao respecto das críticas ao alcalde de Vigo realizadas este luns polo presidente do grupo Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, -que é partidario dunha "solución galega" para as caixas-, Caballero respondeu que son "milleiros de empresarios" os que apoian Caixanova, que se posicionou en contra dunha fusión.

Tamén considerou que o directivo da multinacional debía de dicir que "é parte" na cuestión, posto que Caixa Galicia participa na multinacional cun "20%", aínda que tamén o fai Caixanova. Así, afirmou que cando Fernández de Sousa defende a fusión "non defende Vigo, nin sequera a súa empresa", senón que "defende o seu posto".

Finalmente, asegurou que na mañá deste martes "un membro do consello de administración" do grupo Pescanova chamouno "pedindo desculpas" e precisando que as manifestacións do presidente foron feitas "a título persoal".

Réplica do BNG
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, realizou un chamamento a que os cidadáns se "informen" antes de acudir á manifestación xa que sería "unha mágoa" que "en dous ou tres meses se decaten de que non se manifestaron en defensa de Vigo" e se sentan "enganados e traizoados".

Así, incidiu en que a mobilización defende un Sistema Institucional de Protección (SIP) para que a caixa viguesa "se integre con caixas de fóra e marche de Galiza". Ademais, pediu aos convocantes "que sexan valentes e convoquen para o que convocan" e, polo tanto, vaian cunha pancarta onde diga "por un SIP e por que Caixanova se vaia con caixas de fóra".

Finalmente, tras incidir en que a entidade non ten capacidade para continuar soa, asegurou ser capaz de "cambiar a axenda e ir á manifestación se antes das 20.00 horas hai un papel firmado por Zapatero" onde se explica que se eliminan o límite que impón un mínimo de 50 mil millóns de euros en activos que impide a Caixanova -que non alcanza estas cifras- seguir por si mesma.

"Coaccións"

O voceiro do grupo municipal do PP, Xosé Manuel Figueroa, acusou o alcalde de crear unha "confrontación" que levou a unha "fractura social" e, logo de pedir aos cidadáns que se "informen" sobre o futuro das caixas, denunciou casos de asociacións deportivas que foron obxecto de "chantaxes" e "ameazas" por parte do "alcalde" para acudir á manifestación.

Figueroa, que destacou que xa este luns o BNG realizaba as mesmas denuncias, afirmou que son "bastantes" os clubs que foron coaccionados "para levar pancartas e facer campaña en defensa de Caixanova" ou aos que se lles cambiaron os adestramentos programados para este martes. O popular considerou que estes feitos teñen unha "gravidade sen precedentes" e criticou que esta actitude non está "na liña do que ten que facer un político do século XXI".

En resposta ás acusacións de PP e nacionalistas, o alcalde retou os partidos a que "digan un só" -un club deportivo ameazado-, para engadir que "a ver se as coaccións están a ser ao revés".

"A ver se o máximo representante do Bloque neste Concello está a coaccionar algún club deportivo de moitísima importancia nesta cidade, a ver se está a haber algunha chamada telefónica dicindo: non poñan vostedes pancartas", aseverou, para engadir que el non ten "ningunha relación" e que é a formación nacionalista a que ten a competencia en Deportes.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: