A crise económica e de modelo atrasaron até o último momento a saída dunhas canles que só están obrigadas a emitir un 30% en galego.
As televisións privadas galegas, concedidas nunha polémica decisión do Goberno de Manuel Fraga en funcións, no ano 2005, tardaron case cinco anos en comezar a súa andaina. As licenzas obtidas pola COPE e por La Voz de Galicia non se materializaron no momento, por non existir ningún prazo máximo legal para facelo nas bases do concurso galego.
Xa a poucas semanas para o apagamento analóxico definitivo, entra no escenario audiovisual a televisión da Voz, que levará o nome de V Televisión. Despois do pouco éxito que tiveron outras experiencias de canles privadas autonómicas e de redes de televisión locais, o novo proxecto pretende atopar un novo oco no mercado cunha oferta alternativa, e principalmente diferente á da TVG.
O director de V Televisión, Lois Blanco, explicou que o seu propósito é "empezar as emisións ao longo deste ano", aínda que de momento non hai unha data concreta. O lanzamento da televisión estase a facer aproveitando a internet e as redes sociais. "Centrámonos nas novas tecnoloxías e nas dúas pantallas que hai nas casas, a televisión e o ordenador", explica Blanco.
O público ao que pretende dirixirse é novo e urbano, precisamente o que menos espazo atopa na televisión tradicional e que está substituíndo eses hábitos lúdicos polo que lle ofrece a rede. "O noso proxecto de TDT está enfocado como unha oportunidade" e pretende, segundo Lois Blanco, "transcender da emisión polo múltiplex da TDT", polo que terá reflexo na internet.
O proxecto irá "por fases", empezando "con modestia, serenidade e buscando un oco". De feito, xa están en construción os estudios da nova canle. V Televisión non pretende empezar "de golpe", nun momento de crise económica e mesmo de fusións e vendas en televisións estatais, e converterse en "complementario co grupo Voz".
Aínda así, comezar a emitir despois do apagamento definitivo sería demasiado arriscado. Por iso, V Televisión conta con comezar a ter "contribución de sinal" antes de abril, para que os telespectadores potenciais xa teñan a canle sintonizada. "Pero non imos empezar xa a programación total", explica Blanco, e terá unha "etapa de rodaxe a través da web. Non é unha televisión xeneralista ao uso".
Con respecto á lingua, "non vai ser a televisión pública, e non será o 100% en galego", afirma Blanco. Aínda así, "imos defender e promover o uso do galego na nosa televisión". Tampouco será igual a porcentaxe de galego na programación nunha primeira fase "ca dentro dun ano". Aínda están a ensaiar fórmulas e a deseñar a grella, polo que aínda non está decidido en que lingua será cada programa.
Mínimos legais
En calquera caso, deberá cumprir o que din as bases da convocatoria: emitir cando menos 32 horas semanais orixinais, das que un mínimo de catro horas diarias serán de contido galego nas franxas de maior consumo televisivo, de 13 a 16 e de 20 a 23 horas. Ademais, o concurso exixía que se emitise un 60% mínimo de produción propia, da que cando menos a metade debe ser en galego. Tamén a nosa lingua debería ser empregada "de xeito usual nas emisións", conforme á Lei de Normalización Lingüística, así como nas "comunicacións e notificacións".
Popular TV
A outra canle privada autonómica, e que xa está a emitir, aínda non cumpre con estes requisitos. A licenza obtida pola COPE leva o nome comercial de Popular TV Galicia, e comezou a emitir no múltiplex autonómico en outubro de 2009. As súas emisións, en principio marcadas como "en probas", comezaron repetindo a programación producida en Madrid e emitida vía satélite, exclusivamente en castelán, aínda que incluíndo o logotipo fixo "Popular TV Galicia".
Nas últimas semanas, a canle comezou a dar pasos para arrancar a programación propia, que polo momento se reduce á serie documental Galicia Visual, producida en galego no ano 2000, e que emite diariamente polo serán. O futuro inmediato da canle, a nivel estatal, tamén pasa dificultades, pois a súa empresa propietaria, a COPE, xa anunciou a posibilidade da súa venda.