Feijoo láiase de que Madrid propón un "labirinto sen saída". Caballero prognostica "ducias de milleiros" de vigueses na rúa contra a fusión.
"En cuestión de horas" o goberno español presentará o recurso de inconstitucionalidade á lei de caixas de Galicia, tal e como subliñou este luns o ministro de Política Territorial, Manuel Chaves. Con todo, insistiu Chaves en que o executivo estatal está "aberto" a negociar coa Xunta e que, do potencial diálogo, derivaríase a posibilidade de retirar o recurso. Os términos da negociación recibiríaos este mesmo luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nunha misiva que lle remitirá o goberno español.
Ao respecto, Alberto Núñez Feijoo avisou de que "non sería comprensíbel" que a estratexia do goberno español sitúe Galiza "nun labirinto sen aparente saída". Para Núñez Feijoo o proceso de fusión que podería ser un "acerto histórico" convertirase en "erro histórico". "Galiza non quere desandar o camiño andado", indicou Feijoo, advertindo contra unha solución que implique para o país "unha deslocalización financeira innecesaria, arbitraria e imposta". "Galiza sería moi diferente se a singularidade cultural non se completase coa singularidade financeira", defendeu e afirmou que "ningún galego quere unha Galiza lesionada".
Caballero predí unha manifestación masiva, o PSdeG convida a negociar
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, prognosticou que a mobilización convocada para este martes contra a fusión de Caixa Galicia e Caixanova reunirá "ducias de miles de persoas". O rexedor vigués insistiu no seu chamamento "a toda a cidade" para que "defenda" a súa "capacidade", o seu "liderado económico" e a "dignidade de Vigo". A marcha comezará ás 20 horas no cruzamento da Vía Norte coa rúa Urzáiz camiño da Porta do Sol.
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, afirmou que o conflito aberto polo recurso anunciado polo goberno español pode arranxarse "en 20 ou 30 días" se hai "vontade de diálogo e consenso". Con esa fin avanzou que os socialistas enviaranlle a PP e BNG un documento cunha proposición de lei que reforme a actual normativa "para adaptala ás directrices que marca o Consello de Estado".
Ao respecto da manifestación convocada polo alcalde vigués, o líder do PsdeG non confirmou se asistirá, pero prognosticou que aló estarán "todos os que sintan que Vigo está sendo agredida" e afirmou que "o PP e Alberto Núñez Feijoo, non só no tema das caixas, están a perpetrar un ataque sistemático para erosionar a política local de Vigo".