O PPdeG rexeita avaliar as esperas. O PSdeG acusa a Xunta de "tramposos" e de "falsear" as listas.
Á Cámara chegaba unha iniciativa do PSdeG para a realización dun informe de avaliación de toda a actividade extraordinaria, hospital por hospital e servizo por servizo", avaliando o custe económico, o impacto asistencial e a situación actual das listas de espera. Ademais, os socialistas propoñían deixar sen efecto as instrucións dadas para suspender a actividade extraordinaria, até que, no prazo dun mes, se coñecese a realidade da situación co devandito informe na man. Pero a proposta non pasou a peneira da maioría absoluta do PPdeG no Parlamento.
Para o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG en materia sanitaria, Modesto Pose, o acontecido é exemplo das "trampas" do PP co obxectivo de ocultar o empeoramento da atención médica. "Non sigan deteriorando gravemente os servizos sanitarios ou noutros oito meses desta xestión probablemente teñamos que pechar as portas do Sergas", advertiu. Modesto Pose exemplificou a denuncia con decisións da Consellaría de Sanidade como a de suspender a actividade polas tardes –as coñecidas como peonadas-, criticando o aumento das listas de espera que produciu isto. Criticou ademais que o PP se escuse botándolle a culpa á suposta "escasa produtividade dos profesionais".
Entre os exemplos expostos polos socialistas: o incremento de listas de espera en 9 dos 15 centros hospitalarios públicos, e en 3 deles gravemente: os de Burela, Santiago e A Coruña. Engadiu Pose que as esperas empeoraron en 12 das 14 especialidades cirúrxicas, así como en 25 dos 29 tipos de consultas especializadas.