Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A FORZA DA PALABRA

O mellor antídoto contra a falacia: '55 mentiras sobre a lingua galega'

A asociación Prolingua presenta este venres en 70 localidades de todo o mundo un manual en defensa da normalización do noso idioma.

Redacción - 19:35 04/02/2010

O castelán é tan lingua propia de Galicia como o galego porque é a lingua dos galegos que falan castelán. Esta é unha das falacias que rebate o libro de ensaio '55 mentiras sobre a lingua galega'. Un dos parágrafos do razoamento para desmontar esta falsidade é o seguinte: “O castelán non é a lingua natural de Galicia, aínda que sexa cooficial. O inglés é lingua cooficial en Tanzania e a ninguén se lle ocorre dicir que o inglés sexa tan tanzano como o swahili, lingua maioritaria, autóctona e cooficial nese estado africano”. Así de contundentes son todas as contestacións aos numerosos prexuízos que seguen a rodear ao noso idioma e que impiden a súa normalización real na sociedade.

A asociación Prolingua, que promove esta publicación, dá así un paso adiante para que a forza da razón se impoña nun debate tan polarizado como pouco sosegado. O profesor Xosé Henrique Costas, coordinador do volume, explica que a idea xurdiu hai case ano e medio, cando o balbordo teorías contrarias á normalización comezaban a facerse ouvir: “A primeira idea era darlle argumentos concretos á xente da rúa que o demandaba”.

A primeira edición deste completo manual de 77 páxinas ten unha tiraxe de seis mil exemplares. A asociación decidiu poñer un prezo económico (oito euros) para a venda en librarías e reservar varios centos de exemplares para seren distribuidos entre os equipos de normalización dos centros escolares e nos servizos de normalización das tres universidades.

Mais un dos fitos históricos da presentación deste libro é a súa forma. '55 mentiras sobre a lingua galega' vai ter un estreo simultáneo este venres en 70 cidades e vilas do país e de alén das nosas fronteiras.

Pode ver aquí os lugares escollidos para a presentación.


Ofrecémoslles o limiar que abre '55 mentiras sobre a lingua galega':


O libro que ten vostede nas mans é unha das mellores noticias dos últimos anos. É un libro útil. Non ha tardar en comprobalo: sentirá, desde a primeira páxina, o ruidiño que fan as falacias (as metiras, os sofismas, as arbitrariedades) cando escachan ao caer. En ocasións o equipo científico de Prolingua, dirixido con brillantez por Henrique Costas, só tivo que empurralas cun dedo; outras veces cumpriu máis calma para poñer panza arriba a perversa engranaxe diso que persoas pouco afectas á lingua de Galicia levan anos espallando. E axúdanas, cómpre dicilo, medios de comunicación que ao repetir cada falsidade parecen dirixirse a outro país, o dos inicios do século XX, cando máis do 60% da poboación era analfabeta.

Hai moitas maneiras de faltar á verdade, e tamén existe-dise-escusas que xustifican ese dubidoso comportamento; gústanos falar de mentiras “piadosas”. Desde logo que as que desmonta este libro non o son. Trátase dun conxunto de falacias co único fin de destruír a parte do universo que o noso idioma representa. Naceron movidas polo desprezo e por ideoloxías que xogan a proclamar todo aquilo que non son. Mesmo están as que posúen o cheiro inconfundible do odio.

Non sabe vostede, ou se cadra si, o difícil que resulta para o profesorado de Lingua Galega no exterior (en Tubinga, en Toronto, en Varsovia, etc,) dar explicado a un universitario alemán ou a unha alumna canadense que certa xente censada neste noso país dedica moito tempo a combater a existencia plena, culta e oficialmente recoñecida do seu propio idioma. Un amor elemental á humanidade fainos crer que tal cousa non é posible.

Cando a lingua (e a literatura) galega moderna se refundaba no XIX os seus inimigos pensaron que un par de mentiras serían abondo para desacreditala e facela desaparecer. Tamén hai pouco menos dun século, os entusiastas defensores do idioma esixían a súa oficialidade. Son parte da memoria comunal da mesma maneira que pasou ao esquecemento colectivo o nome desoutros que vertían descualificacións contra o galego, considerándoo un estorbo antes que unha ferramenta.

Quizais por iso, porque coñecen a historia algo mellor do que dan a entender, hoxe nin seuqera os adversarios menos disimulados do idioma se atreven a esixir a súa desaparación da vida pública. Pero repetindo mil veces o que non existe coidan que a confusión e a ignorancia conseguirán dividir a sociedade. Calculan mal. E subestiman un país enteiro.

Este libro contribúe a desenmascarar a quen só coñece palabras de exclusión, de segregación e de negación. A limpeza dos feitos volverá a ser a súa derrota. Por iso, porque debulla argumentos xa ben coñecidos na comunidade científica nacional e internacional, porque responde ao sentir da maioría da poboación galega, polo seu rigor breve e ameno, esta obra vai resultar unha moi boa noticia. A publicación dun manual contra a mesquindade sempre o é.


4,93/5 (54 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: