Está a experimentar o uso de melaza para evitar a conxelación das vías no canto do sal, que contribúe á contaminación do solo.
Suíza está a probar un novo sistema para evitar que o xeo provoque accidentes nas súas estradas. En lugar de encher as vías de sal, que é daniño para a flora e a fauna pola súa infiltración no solo, as administracións helvéticas están a empregar melaza, un subproduto da cana de azucre.
O líquido, doce e biodegradábel, estase a experimentar durante este inverno para que o seu uso, se ten éxito, se xeneralice a partir da primavera en todas as autoestradas do país, segundo informou Le Parisien.
Mentres, en Francia, o Ministerio de Ecoloxía segue a buscar, ano tras ano, unha solución máis respectuosa co ambiente có sal, do que se verten anualmente máis dun millón de toneladas. Ese substituto debería ser tan doado de producir e tan barato coma o cloruro sódico. Calcúlase que o uso de melaza custa entre cinco e 10 veces máis có sal.