A Axencia Espacial Europea designouna nodo europeo da rede mundial de satélites mundiais non comerciais, como o Xatcobeo.
Prototipo do Xatcobeo
Grazas a proxectos como o Xatcobeo, a Universidade de Vigo foi nomeada pola Axencia Espacial Europea nodo de operacións en Europa de GENSO, rede mundial de satélites non comerciais e en bandas libres. A universidade viguesa foi elixida entre 18 candidaturas de todo o continente, o que a sitúa "como referente mundial dentro dos sistemas de pequenos satélites", subliñou o profesor Fernando Aguado, principal investigador do Xatcobeo.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, a ETSE de Telecomunicación acolleu, como nodo europeo da rede, un seminario de traballo coa participación de 25 investigadores para acordar os requisitos que ha cumprir o software que se empregará de forma libre para construír a rede mundial de seguimento de satélites, previsto para maio ou xuño. Prevese poñer en marcha unha rede mundial de pequenos satélites para fornecerlle información á comunidade científica.
A investigadora Helen Page, líder do proxecto, destacou en Vigo que se seleccionou a proposta galega polo "carácter multidisciplinar da Universidade e a súa aposta polo mundo da tecnoloxía", ademais da "importancia da experiencia previa co proxecto Xatcobeo, que seguiu estándares internacionais". Nese senso, sinalou que o picosatélite foi "a primeira pedra que permitiu ir facendo o camiño e grazas a el, e co apoio institucional tanto da Universidade como do Ministerio de Ciencia e Innovación, permitiu crear unha infraestrutura de investigadores que actualmente están traballando e sendo recoñecidos a nivel mundial pola calidade do seu traballo".
No proxecto participan máis de 30 docentes e outros tantos estudantes da Universidade de Vigo, tanto do campus vigués como do ourensán, de especialidades como telecomunicación, informática, industriais, química e ciencias. Aguado salientou a importancia de que a reunión tivese lugar en Vigo, pois todas as reunións da ESA sobre ciencia e tecnoloxía facíanse até agora nos Países Baixos.