Reclaman a regulación das contratacións a través da bolsa de traballo. "Pagan dous de fóra coa mesma cantidade de diñeiro que a un da bolsa", denuncian.
A precarización no sector do naval avanzou un chisco máis nos últimos tempos co incumprimento dos estaleiros da obriga de realizar as contratacións a través das bolsas de traballo, estabelecidas segundo o último convenio. Deste xeito, no canto de contratar obreiros cualificados e con experiencia, as empresas optan por botar man de operarios externos.
"Man de obra máis barata, con salarios inferiores e sometida a exceso de horas de traballo", denuncia para Vieiros un dos traballadores que este luns participa nun peche nas instalacións do estaleiro vigués de Barreras. A acción está apoiada pola CIG e os traballadores censuran que os sindicatos CCOO e a UXT apoien a supresión desas bolsas de traballo, sistema que, de feito, xa está sendo incumprido polo empresariado. Perto de dous milleiros de empregados do sector veríanse afectados pola eliminación destas listas. Os traballadores teñen a intención de manter o peche de xeito indefinido até conseguir resposta ás súas demandas por parte da patronal.