Ao longo de 2009 a cifra de parados aumentou un 30% en Galiza. Segundo o INE, no noso país hai máis de 168 mil persoas á procura dun posto laboral.
A crise económica segue sen dar tregua. O Instituto Nacional de Estatística (INE) deu a coñecer este venres a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do último trimestre de 2009. Segundo o informe, o paro subiu no noso país en 39.400 persoas e a taxa de desemprego, a final de ano, situouse no 12,88% (168.400 persoas). Os datos da EPA revelan un incremento dun 30,53% na taxa de paro xa que a finais de 2008 era dun 9,74%. A nivel estatal, o INE cifra en 4.326.500 persoas o número de parados, o que se traduce nunha taxa de desemprego do 18,83%, cinco puntos máis ca en 2008
Por sexos, o 11,87% dos homes galegos que buscan emprego non o atopan, mentres que no caso das mulleres a cifra supera lixeiramente o 14%. As previsións da Xunta prevén que a final de 2010 a taxa de paro poida chegar en Galiza ao 15%.