Segundo diferentes informacións, o executivo de Rodríguez Zapatero discutirá esta posibilidade no Consello de Ministros deste venres.
O avellentamento da poboación require ampliar a idade de prexubilación para garantir o sistema de pensións. Esta é unha das conclusións dun informe que este ventes vai analizar o Consello de Ministros. Segundo diferentes axencias e medios españois, o executivo de Rodríguez Zapatero valora seriamente a posibilidade de atrasar dous anos a idade do retiro laboral e fixala en 67 anos.
Para que saia adiante esta reforma, o informe terá que ser aprobado previamente no consello deste venres e posteriormente debatida na Comisión do Pacto de Toledo. O xornal madrileño El País asegura na súa edición dixital que na proposta contémplanse prazos para unha aplicación progresiva da medida, que comezaría dentro de tres anos e estaría definitivamente pechada en 2025. Así, cada traballador que se xubile a partir de 2013 tardará, cada ano que pase, dous meses máis en poder retirarse.
O plans do goberno estatal sábense poucos días despois de que o presidente da patronal española, Díaz Ferrán, chegase a propoñer unha nova normativa que levase a idade de xubilación até os 70 anos. Porén, o executivo de Zapatero considera que o retiro aos 67 anos (tal e como ocorre na actualidade en Holanda, modelo que toma como referente) garante sobradamente o actual sistema de pensións.