Os expertos en tarecos do país analizan o novo trebello de Apple, presentado este mércores, e que non achega novidades revolucionarias.
Steve Jobs amosa o iPad / Apple.com
O lanzamento do novo produto estrela de Apple, o iPad, foi recibido con escepticismo pola blogosfera galega. Unha das análises máis completas é a que fai Marcus. Considera que o novo trebello non sorprende e que ten demasiadas limitacións, como carecer de cámara ou non permitir executar dúas aplicacións ao mesmo tempo. O mesmo Marcus fai un repaso máis exhaustivo en Código Cero.
Perfecto Conde tamén lle presta atención ao tareco, concluíndo que é "cuspidiño á pizarra coa que aprendín a escribir na escola de Santalla", e fai unha descrición pormenorizada das súas características técnicas.
Á espera de máis reaccións no blogomillo, podemos ficar coa sintética conclusión que fai o Paulinho, non sabemos se con ou sen retranca: "Oooooooh!"
Apple ten dispoñíbel na súa web o vídeo completo da presentación oficial, con Steve Jobs como mestre de cerimonias.