Iníciase un período de reflexión que concluirá a finais de ano no VI Congreso Nacional e que procura trazar a estratexia a seguir.
Logo da análise realizada polo Comité Central da Frente Popular Galega (FPG) no pasado mes de marzo, na que expresaba a súa disposición ao diálogo para unha reformulación política da esquerda nacionalista en Galiza, chega o tempo do debate e a reflexión.
A Frente convoca o chamado Proceso de debate FPG2010, un período que se desenvolverá ao longo de todo este ano e no que se procederá a unha mobilización xeral da base militante para “coa aportación de todas e todos, trazar colectivamente a nova estratexia da FPG ante a etapa histórica que estamos atravesando”.
Segundo explican, este proceso dividirase en catro tempos: coa celebración de tres Conferencias Nacionais e rematando a finais de ano co VI Congreso Nacional. Se ben de momento non hai data para a primeira destas Conferencias, a FPG informa de que o Relatorio Oficial xa está rematado polo que, previsibelmente, darase a coñecer en breves. O obxectivo é que o partido saia “máis fortalecido e disposto a novas batallas pola independencia nacional e o socialismo”.