Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CARA OCULTA DA CRISE FINANCIEIRA

Os anos que as caixas viviron perigosamente

A discusión sobre o futuro das entidades, eclipsa as posíbeis irregularidades que conduciron á situación actual.

R.Vilar - 12:45 27/01/2010

A crise fixo tremer os alicerces do sistema finacieiro mundial. En Galiza, a fusión das caixas e a necesidade de contar con entidades aforro propias monopoliza dende hai meses a axenda de políticos e xornalistas. Porén, poucas voces cuestionan e exixen explicacións públicas da forma en que se xestionaron Caixa Galicia e Caixanova. A expresión de luz e taquígrafos semella non ser aplicábel aos anos nos que corrían as botellas de champaña. Daquela festa que parecía sempiterna non veñen parte das sombras actuais?

O catedrático da Universidade da Coruña Antonio Grandío Dopico mantén unha das páxinas electrónicas máis controvertidas (e lidas) sobre as altas finanzas do país. O economista presentou o pasado mes de novembro un informe a prol da fusión de caixas. Pero, máis aló da interesante reflexión técnica, Grandío comezaba a debullar gravísimas anomalías que afirmaba non querer facer máis explícitas por unha cuestión "de prudencia”.

Pero a que se refire o ex presidente do Consello Galego de Economistas? A resposta podémola ver axiña no informe: "Nepotismo; operacións con créditos e posíbel uso de información privilexiada; Viaxes e estancias de executivos e conselleiros en destinos de luxo e hoteis de cinco estrelas; Adxudicación de proxectos e obras; Empréstitos de valores e operacións cruzadas; Xustificación dalgunha presenza internacional; Xubilacións sen sentido para tapar bocas (...)"

Por se quedase algunha dúbida do anterior, Grandío, lonxe de tirar a pedra e agochar a man, escribe en maiúsculas: "Levamos a cautela ao límite, en acordo cos nosos asesores legais. Todo isto tamén pode ser publicado. O 99% das cuestións (as irregularidades antes mencionadas) corresponden a Caixa Galicia".

As insinuacións, ben medidas pero contudentes, non veñen dunha persoa que descoñeza as redes internas do sistema financeiro autóctono. Todo o contrario, Grandío Dopico foi alto executivo do Banco Pastor (responsábel da área de Relacións Institucionais) e coñece ben a persoeiros como o propio director xeral de Caixa Galicia (José Luis Méndez).

A boa vida, antes de que o barco fixese auga

En novembro de 2009, en plena efervescencia informativa sobre o futuro das caixas, Vieiros publicaba un dos datos mellor gardados por Caixa Galicia: En 2008 os oito membros do Comité de Alta Dirección cobraron case 7,4 millóns de euros (unha media de 924 mil euros por executivo). Máis aló do máis que magro salario, o que máis irritaba a sindicatos era a dificultade para ter un acceso real aos datos. O propio Clodomiro Montero, dirixente de CIG-Banca, sinalaba que saber o soldo anual de José Luís Méndez era "misión imposíbel".

Aos tempos pasados da 'dolce vita' tamén se refire na súa páxina Grandío Dopico. O profesor pregunta se era preciso que Caixa Galicia tivese mercado un iate que está atracado en Pontedeume (lugar de veraneo do seu director xeral) e que conta cunha tripulación profesional en nómina da caixa. Pero nese xogo de verdades que non acaban de desvelarse chegan as repreguntas de Grandío: Houbo rutas polo Mediterráneo? Algún político galego realizou compras de Astroc antes de tomar decisións persoais? A longa sombra do ladrillo persegue a Caixa Galicia, tamén en internet.


4,84/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Clodomiro Montero (CIG) pregunta nunha asemblea de Caixa Galicia polos salarios dos altos directivos

Méndez e Gayoso dirixiron as dúas caixas galegas nas últimas décadas
Méndez e Gayoso dirixiron as dúas caixas galegas nas últimas décadas