As accións legais comezaron logo de que o propio departamento da Xunta detectase graves irregularidades hai un ano. A Fiscalía investiga tamén cargos da Igrexa.
Arredor da función pública poden aniñar tramas de corrupción que aproveitan informacións privilexiadas. Isto é o que pensa a Fiscalía que puido acontecer dentro da Consellaría de Cultura. Doce persoas, entre eles funcionarios deste departamento e cargos eclesiásticos están imputados por un xulgado de Compostela por un posíbel delito de suborno e tráfico de influencias.
Xornal de Galicia apunta a sospeita de que algúns técnicos poderían ter recibido cartos de empresas que logo obtiveron a adxudicación de obras de restauración de patrimonio eclesiástico. O xulgado tería proba destes delitos, algúns deles conseguidos pola gravación de conversas telefónicas.
A investigación púxose en marcha logo de que a propia Consellaría de Cultura detectase indicios de irregularidades. O departamento que naquel entón dirixía a nacionalista Ánxela Bugallo fíxolle chegar a documentación á Fiscalía, que puxo o caso en mans da policía xudicial.
Reacción da actual consellaría
O actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, asegurou este martes que o departamento está á disposición da xustiza. Como medida de precaución, a consellaría apartou aos funcionarios imputados dos procesos de contratación.