Na súa visita a Galiza, o presidente do Banco de España afirmou que supervisa a operación con “criterios exclusivamente profesionais”, sen ningún outro interese.
Fernández Ordoñez pediu présa ante os máximos responsábeis das dúas entidades
“Algúns procesos están demorándose máis do que deberan”, dixo o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordoñez nunha conferencia no Club Financeiro de Vigo. O máximo responsábel do órgano supervisor do sistema bancario español considerou “imprescindíbel” apelar á responsabilidade de todos aqueles implicados dun ou doutro xeito nas operacións de fusión para que non atrasen de maneira innecesaria a súa conclusión. Do contrario, entende que “o tempo perdido podería acabar prexudicando o fluxo de crédito a empresas e a familias”.
No relativo á posíbel intervención do Banco de España na fusión das caixas galegas, asegurou que, se fora necesario, “intervirá con prontitude, abrirá expedientes os xestores e conselleiros das entidades nas que sexa preciso intervir e acordará as resolucións encamiñadas á máis rápida venta ou, no seu caso, liquidación da entidade”.
Ante integrantes das cúpulas de Caixa Galicia e Caixanova, que asistiron á súa intervención, Ordóñez lembrou que o Banco de España está “obrigado” a analizar os proxectos que dean lugar a novas entidades sólidas e asegurou que esta supervisión se fará atendendo “exclusivamente a criterios profesionais”, sen atender a ningún outro interese.
Avisos dende Galiza
Pola súa parte, o presidente da Xunta requiriu “igualdade de trato” e que non haxa “discriminación que afecte ás competencias galegas”, lembrando que a Lei de Caixas aprobada no Parlamento “é moi similar” aos marcos legais vixentes “noutras comunidades como Andalucía, Cataluña ou Euskadi”. Do mesmo xeito, reclamou ao Banco de España que se manteña “como garante da obxectividade, da imparcialidade e do trato financeiro igualitario de todos os bancos e entidades”.
Mentres, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, rexeitou que un posíbel recurso do goberno español contra a Lei de Caixas se poida corresponder con “criterios políticos”. Asegurou que o executivo estatal só actuará “en función de criterios técnicos” e sempre que se dean as “circunstancias técnicas e lexislativas”.
Outro socialista con voz no tema, o alcalde vigués Abel Cabellero, asegurou pola súa parte que “existen causas claras de inconstitucionalidade” que permiten recorrer ante os tribunais a Lei de Caixas e revelou que el se está a encargar “persoalmente” da tramitación dos recursos que presentará o Concello de Vigo en contra do texto.
Finalmente, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acusou o Banco de España de ter adoptado un papel “claramente político” e “nada neutral” ao respecto do futuro das caixas. Lamentou que o goberno central trate de “expoliar o aforro de Galiza para levalo fóra do país”. Asegurou que a actitude do Banco de España “non é neutral” e aseguoru que o goberno español “quedará en evidencia” se decide recorrer a lei galega, porque suporía “un ataque á nosa capacidade de decisión”.