Considera que cómpre "dar pasos para que canto antes sexa unha realidade e a situación política de Euskal Herria sufra un cambio substancial en positivo".
Xuntanza de Altsasu
A esquerda abertzale valorou este sábado "moi positivamente" o último comunicado de ETA porque "vén impulsar a posta en marcha do proceso democrático". Así mesmo, considerou que as reaccións do PNV ao comunicado son declaracións que "parecen saír do laboratorio de Rubalcaba" e criticou que PP e PSOE "seguen a apostar polo inmobilismo" e a "represión".
Na súa opinión, as reaccións destas formacións son "síntoma do nerviosismo que xera nalgúns o debate que a esquerda abertzale esta a desenvolver, coa súa consecuente aposta política". Do mesmo xeito, considerou que "dito nerviosismo e os constantes intentos por entorpecer e condicionar o debate son mostra da potencialidade da aposta política da esquerda abertzale".
"Logo de semanas de frutífero, profundo e intenso proceso de debate, que aínda non concluíu, xa que se están a trasladar as conclusións ás bases, desde a esquerda abertzale facemos unha valoración moi positiva, xa que consideramos que a gran maioría dos participantes fixeron súa tanto a aposta política por un proceso democrático, como os contidos da declaración de Altsasu (en novembro, cando se fixo público o documento Clarificando a fase política e a estratexia, que recollía a súa análise da situación política)", resaltou nunha nota.
Por iso, considera que "o conxunto da esquerda abertzale e o resto de axentes habemos dar pasos para que canto antes o proceso democrático sexa unha realidade e a situación política de Euskal Herria sufra un cambio substancial en positivo". Nese senso, fai un chamamento a "ese amplo espazo popular que aposta polo cambio político para que se artelle e mediante a mobilización social fagamos mover o Estado".