"O diálogo entre esquerda social e esquerda política que pretende animar o encontro non pareceu resultar finalmente do seu interese", din.
A Comisión da Rolda de Rebeldía (RdR) emitiu un comunicado en que critica a ausencia o vindeiro 30 de xaneiro no evento (organizado polo Encontro Irmandiño (EI) de dúas importantes formacións da esquerda nacionalista: a Unión do Povo Galego (UPG) e o Movemento Galego ao Socialismo (MGS). As tres formacións políticas, EI, UPG e MGS, fan parte do BNG.
"Nin Francisco Rodríguez nin ninguén da UPG. O diálogo entre esquerda social e esquerda política que pretende animar a Rolda de Rebeldía non pareceu resultar finalmente do seu interese, polo que rexeitaron participar na Xeira Partillada, último encontro da xornada", afirman desde a Comisión da RdR.
"Do mesmo xeito, o MGS tamén decidiu non enviar ninguén a participar do proceso. O resto de convidados e convidadas á RdR, que forman parte dun amplo abano de organizacións sociais e políticas do país, si acudirán ao diálogo", informan. Na Xeira Partillada está previsto analizar "se o divorcio entre a cidadanía e as opcións políticas é ou non é reconducíbel", acrecentan.
Inscricións
Por outra banda, as inscricións previas á rolda -que se poden facer desde a web- achéganse xa ás 200, cando aínda queda máis dunha semana para o evento no Hotel Compostela. Ademais, as achegas á Rolda virtual xa superan as 50 mil palabras, representadas na nube de fontes que acompaña a noticia tirada do blog Calidonia.