Nun comunicado de prensa o partido conservador asegura que o novo decreto, a diferenza do do bipartito, “baséase en formar persoas e non a futuros militantes políticos”.
O Partido Popular, lonxe de apagar o incendio lingüístico que encendeu xa na oposición, bótalle máis leña. O máis sorprendente é a estratexia de identificar as políticas de normalización lingüística no ensino con supostas manipulacións ideolóxicas do alumnado.
Nunha nota de prensa enviada aos medios este domingo, o PPdeG afirma que o bipartito aprobou no seu día un decreto para converter as aulas en “espazos de adoutrinamento”. Fronte a isto, a dereita subliña que a súa proposta para o vindeiro curso “baséase en formar persoas e futuros profesionais e non a futuros militantes dos partidos políticos”
Os “populares” mantéñense na idea de que o decreto que marcaba un espazo dun 50% para a lingua do país nas escolas “axudou a incubar o odio ao galego cunha política de imposición”. Fronte a isto, os de Feijoo volve sacar a bandeira da “liberdade lingüística” que garante o borrador do novo decreto: se o bipartito “metía galego en exclusiva xerando odio, o PPdeG pretende meter, ademáis do galego o castelán e o inglés”. Se o decreto aínda en vigor mira “de Galiza cara a dentro” o novo vai mirar, segundo a nota, “de Galiza cara ao mundo”.