A regatista do Náutico de Cangas espremeu a súa táboa de windsurf até o sexto posto, deixando fóra á propia campioa do mundo en Polonia. Vídeo no interior.
"Estou sen palabras, non o esperaba e no último momento deixei fóra a italiana, campioa do mundo en Polonia, e clasifiqueime, aínda non o creo, estou moi ilusionada", expresou Lara Lagoa, enrolada no Club Náutico de Cangas Caixanova. A rapaza competía neste comezo de ano na VI Regata de Aninovo – Memorial Kim Lythgoe de RS:X e Campionato de Europa de Techno e Raceboard. Arredor de 300 regatistas xuntáronse nunha proba que trouxo representantes de case dúas ducias de estados.
"A verdade é que cando cheguei á cita dino por perdido", confesa Lagoa ao respecto da evolución na proba, "os meus ventos son de entre 10 e 15 nudos e na primeira xornada superáronse abondo, con ondas de até 5 metros, aínda que finalmente puiden facer un décimo que non estivo mal". Lara Lagoa asinou o último día un terceiro e un quinto posto e conseguiu así a sexta posición na clasificación final. O resultado: a clasificación para os Xogos Olímpicos Xuvenís de Singapur, neste mesmo 2010. Alén de Lagoa, nesta cita gaditana no medio do temporal, batéronse coas ondas outros catro deportistas galegos: Marcos Fernández, en RS:X, e Alexandre Doncel e Tomás Vieito en Clase Techno, todos eles das escolas do Club Náutico de Cangas.