Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A POLÉMICA ESTÁ SERVIDA

Para o PPdeG o decreto é un exemplo de "centrismo lingüístico"

Mentres lle pide ao PSdeG que se sume a el, o BNG fala de “ataque sen precedentes” contra a lingua e a CIG-Ensino chama á desobediencia.

Redacción - 19:04 04/01/2010

Con máis ou menos afouteza, todas as forzas políticas e sindicais galegas piden que o Goberno refaga a súa proposta de decreto de linguas no ensino non universitario. O PPdeG queda completamente só na súa proposta de reducir a un 33% a presenza do idioma autóctono nos diferentes niveis educativos. A reacción, non por esperada, deixa de preocupar no propio seo da formación conservadora. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou este luns que o borrador do decreto presentado a semana “ten bases ben asentadas sobre as que hai que elaborar un consenso”. Porén, mostrouse aberto a ouvir todas as voces críticas para posíbeis modificacións puntuais.

O principal partido da oposición reiterou pola súa parte que “apoiará todas as accións cidadáns” que reclamen un cambio de rumbo no decreto, segundo dixo a deputada Mar Barcón. A pesar disto, a socialista afirmou que non é tarefa do seu partido organizar folgas no ensino, xa que isto compete aos sindicatos.

O BNG non viu ningún atenuante á hora de analizar o decreto. O deputado Bieito Lobeira acusou ao Goberno de querer “desgaleguizar” aínda máis o ensino. Dende as filas nacionalistas consideran a volta atrás na normalización como “un ataque sen precedentes” na historia da autonomía e consideran que todo resposta a unha estratexia política “españolista” do PPdeG.

Porén, o PPdeG aproveitou para intentar fender a unidade contra o decreto. Así, o voceiro de Educación dos “populares” no Parlamento, Román Rodríguez, pediulle explicitamente aos socialistas que se sumen ao consenso. Segundo Rodríguez, na “guerra lingüística” o PPdeG representa o “centro da sociedade xa que recibe críticas dos dous espectros, os que queren só educación en galego (BNG) e os que a queren só en castelán (Galicia Bilingüe).” Para rematala, o parlamentario dezao advertiu publicamente que a maioría dos dirixentes socialistas están máis contentos co decreto actual, “aínda que non o digan”.

A CIG-Ensino chama á desobediencia do profesorado

A CIG-Ensino, primeira forza entre o profesorado non universitario, anunciou tamén a súa oposición frontal aos plans do Goberno. O seu responsábel nacional, Anxo Louzao, denunciou que detrás do decreto hai a intención clara de achicarlle espazos ao idioma do país. Segundo explicou o decreto é menos positivo do que puido ser o primeiro decreto pola Xunta en 1983, xa que se recolle que o galego deixe de ser o idioma da administración educativa.

A CIG tamén salienta puntos negativos como o feito de que se fomente materiais didácticos en castelán e que se elimine que o alumnado, con carácter xeral, deba empregar o galego nas materias que se impartan neste idioma (algo que si recollía o decreto de 1995). Tampouco lle pasou desapercibido a este sindicato o feito de que que os equipos de normalización lingüística pasen a chamarse de “dinamización”

A Confederación Intersindical anuncia “grandes conflitos” nas comunidades escolares por mor da redacción do decreto. Fronte a un borrador que tilda de “preautonómico” o sindicato anuncia o seu apoio total á folga convocada para o vindeiro 21 de xaneiro e fixo un chamamento ao profesorado para que, suceda o que suceda, “continúe a impartir as aulas en galego”


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lorenzo di que acepta todas as críticas pero mantén que o borrador é unha boa base para lograr o consenso
Lorenzo di que acepta todas as críticas pero mantén que o borrador é unha boa base para lograr o consenso
Mar Barcón afirma que o PSdeG se opón ao decreto pero que non é función deste partido organizar folgas
Mar Barcón afirma que o PSdeG se opón ao decreto pero que non é función deste partido organizar folgas
Lobeira cualificou o borrador do decreto como un "ataque sen precendetes" contra o idioma do país
Lobeira cualificou o borrador do decreto como un "ataque sen precendetes" contra o idioma do país