Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Concentración 'Unha nación, unha selección'

O BNG pon a camisola da Irmandiña para exixir á Xunta apoio á selección

Os nacionalistas, que convocaron o acto, critican os "imbéciles e escuros" que negan "a identidade galega" e queren evitar "que a Historia siga avanzando".

Redacción - 17:10 28/12/2009
Concentración (clique para ampliar)

Concentración (clique para ampliar)

Ducias de persoas concentráronse este luns na Praza do Obradoiro, en Compostela, nun acto reivindicativo convocado polo BNG para demandar "con autoestima" á Xunta que rectifique o seu rexeitamento ás seleccións deportivas do noso país, imprescindíbeis "para que a Historia siga avanzando".

Baixo a consigna Unha nación, unha selección, os manifestantes formaron un círculo fronte ao Pazo de Raxoi, onde defenderon a continuidade dos combinados nacionais fronte á política de "desvalorización dos símbolos comúns" da Xunta, co seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, á cabeza.

"A existencia dunha selección galega de fútbol ten raíces históricas en Galiza, non foi un invento caprichoso", advertiu o líder nacionalista antes de recordar o "logro" que supuxo no ano 2005 dar carta de oficialidade ás seleccións deportivas galegas e o "recoñecemento" que supuxo para miles de deportistas do país.

Foi a mensaxe que se desprendeu das intervencións dos ex directores xerais para o Deporte durante o último Goberno, Marta Souto e Santiago Domínguez, e do discurso do voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que proclamou que o apoio ás seleccións deportivas do país é "un clamor" que ninguén "poderá exterminar".

"Pensabamos todos os bos e xenerosos deste país que vestir a camiseta de Galiza era un orgullo para todos os galegos, que era bo ter un equipo de todos os galegos, sen rivalidades entre nós, onde todos nos vísemos reflectidos", reflexionou Vázquez antes de criticar, cunha nova alusión ao Himno e en clara referencia á Xunta, os "imbéciles e escuros" que "non entenderon" esta mensaxe.

"Complexos de inferioridade"

Neste punto, reprobou os que teñen "o empeño en negar e intentar destruír o obvio", en referencia á existencia "dunha identidade común galega" e asegurou non ver "problema ningún en que os galegos se identifiquen "con símbolos comúns".

"A política extremista da nova clase dirixente do PP non ten futuro, como non o ten un goberno que só destrúe e non constrúe", avisou, e preguntouse "onde quedaron os teóricos da autoidentificación no PP". "Señor Feijoo, señores do PP, non lle teñan medo a Galiza! Non trasladen os seus complexos de inferioridade ao Goberno da Xunta!", exixiu.

Convencido de que as seleccións deportivas son un símbolo da "unidade" que todos os galegos necesitan como "exemplo" e antídoto contra o localismo, Vázquez acusou a Xunta de "tirar por terra" os avances logrados "polo nacionalismo" na pasada lexislatura e de "borrar do mapa calquera mínimo avance feito para dar normalidade ao país".

Partido con apoio institucional

Neste escenario, demandáronlle ao Goberno que rectifique a súa actitude e reclamáronlle a organización dun partido da Irmandiña de fútbol nos meses vindeiros co apoio institucional e coa representatividade "que merece".

"Non queremos pasos atrás", proclamou Vázquez e advertiu de que o BNG non asumirá que as seleccións "sexan expulsadas do ámbito oficial". "Queremos que se camiñe na dirección contraria, no recoñecemento institucional preciso para poder competir oficialmente en torneos internacionais," concluíu.

Numerosos representantes do BNG

Malia a chuvia, ademais do seu portavoz nacional, a concentración contou coa presenza de numerosos representantes do BNG. Estaban, entre outros, o voceiro parlamentario, Carlos Aymerich, as deputadas Teresa Táboas, Ana Pontón, Ana Luísa Bouza, Carme Adán e os seus compañeiros de escano Fernando Blanco e Alfredo Suárez Canal.

Este último e Adán vestiron camisetas da Irmandiña. Logo das intervencións de Souto, Domínguez e Vázquez, o acto convocado polo BNG concluíu cos acordes do Himno Nacional, que entoaron os manifestantes.


4,71/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: