O PPdeG solicita que a Xunta participe na mesa de adxudicación das concesións a empresas de telecomunicacións, que estarán obrigadas a investir no rural.
Unha iniciativa presentada polo PPdeG no Parlamento insta a Xunta a pedirlle ao goberno español que libere espectro radioeléctrico para destinalo á creación de redes de banda larga no rural. A proposición non de lei, presentada por Pablo Cobián, voceiro de Novas Tecnoloxías, pretende, ademais, garantir que as empresas de telecomunicacións cumpran as súas obrigas.
A iniciativa considera que as compañías deben atender "as necesidades reais de cobertura" da cidadanía "e non só criterios meramente de beneficio empresarial". Así, o texto inclúe a obriga de que esas empresas repercutan parte dos seus beneficios implantando infraestruturas no país. Cobián apunta que esas firmas, sometidas ao control estatal, "destinan os seus recursos ás zonas urbanas, eludindo facilmente os seus compromisos de cobertura" no rural.
A proposición solicita, ademais, que Galiza poida participar, non só na elaboración dos pregos de cláusulas administrativas dos concursos, senón tamén na mesa de adxudicación das concesións. Estas permitirán "incrementar a competencia, estimular a economía galega, xerar postos de traballo e facilitar que Galiza dispoña de novas e mellores redes de telecomunicacións móbiles" para o desenvolvemento económico.