Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Congreso e Senado

Os soldos dos parlamentarios españois publicaranse na web

Debátese cal será a modalidade pola que se darán a coñecer as declaracións de actividades dos deputados e senadores.

Redacción / EP - 12:20 21/12/2009
Entrada do Congreso dos Deputados, en Madrid

Entrada do Congreso dos Deputados, en Madrid

O diñeiro que cobran os deputados e senadores poderase coñecer a través das páxinas web das dúas cámaras a partir de xaneiro. Este luns, as mesas do Congreso e do Senado reúnense para decidir como poñerán ao día as declaracións de actividades dos parlamentarios. Unha das posibilidades é que eses datos se inclúan nas fichas persoais de cada representante público.

Segundo adiantara hai semanas o presidente do Congreso dos Deputados, José Bono, a intención era que esa información se incluíse na páxina de internet da Cámara Baixa para garantir a "plena accesibilidade" deses datos. Todos os membros do Congreso teñen que cubrir un formulario en que se detallan os cargos públicos que ocupan, os ingresos que perciben con cargo ao sector público, se realizan actividades privadas e se cobran por elas.

Esa información queda gardada no Rexistro de Intereses do Congreso, xunto coa declaración de bens patrimoniais, que, por lei, non pode ser pública. Pero as declaracións de actividades, até agora, tampouco tiñan un acceso doado por parte da cidadanía.

Transparencia inédita
En outubro reformouse o regulamento do Congreso para levantar o segredo sobre a actividade extraparlamentaria das señorías e permitir que sexan públicos o debate e a votación dos ditames sobre esas cuestións, que até agora eran secretos.

Esta corrente aperturista comezou a pasada primavera, cando un cento de deputados se negou a apoiar un ditame, filtrado á prensa, en que se lle concedera a compatibilidade a varios parlamentarios, como Ángel Acebes ou Manuel Pizarro.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: