A xogadora viguesa do Itxako Navarra foi incluída no sete ideal do Mundial feminino de Balonmán disputado en China.
Begoña Fernández xoga co Itxaco Navarra
O balonmán feminino galego ten un gran referente que se reinventa en cada competición: Begoña Fernández. Concluído o Campionato do Mundo en China, outra vez a xogadora do Itxako Navarra resultou elixida como integrante do equipo ideal do torneo, é dicir, como a mellor pivote do mundo. Se ben o combinado español non foi quen de vencer as norueguesas e quedou cuarto na competición, a viguesa demostrou que segue estando na elite mundial.
Esta aliñación ideal do Mundial quedaría conformada pola rusa Inna Suslina na portería, Marta Mangué (Gran Canaria, 1983) no lateral dereito e Begoña Fernández de pivote; Completan o equipo as francesas Alison Pineau (de central) e Mariama Signate (de lateral esquerdo) e as norueguesas Camilla Herrem (de extremo esqauerdo) e Linn-Kristin Riegelhuth (de extremo dereito).
De Vigo á elite
Con 28 anos, Fernández é o gran referente ofensivo de cada un dos seus equipos. Logo de ser considerada a mellor xogadora no Europeo, o Mundial confirma o seu gran momento. A xogadora combina axilidade e envergadura, cunha importante claridade no lanzamento. As súas calidades complétanse cunha incríbel facilidade para marcar e moito talento.
A viguesa comezou no Balonmán Porriño, de marchou a o Osito L'Eliana, convertendo o que era unha afección na súa profesión. A seguir foi fichada polo Itxako, onde madurou como xogadora. De aquí foi para o Elda para regresar finalmente ao club navarro.