Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
650º aniversario da Generalitat

"Que Cataluña é unha nación non é un desexo constitucional, é unha realidade"

O presidente do goberno catalán, José Montilla, asegura que esta realidade non é un delirio ou un capricho, senón a "suma de sentimentos e feitos".

Redacción - 11:45 20/12/2009
Logo conmemorativo

Logo conmemorativo

O presidente do goberno catalán, José Montilla, asegurou este sábado, durante o acto solemne de celebración do 650º aniversario da Generalitat, que afirmar que Cataluña é unha nación é "definir unha realidade" e non un "desexo constitucional".

Montilla, durante a declaración á que asistiron representantes de todas as forzas políticas, subliñou que afirmar a nacionalidade de Cataluña é posíbel pola "continuidade histórica" da institución durante todos estes séculos, malia ditaduras e guerras, e polo tanto non é un delirio ou un capricho, senón a "suma de sentimentos e feitos".

"Ao afirmar que Cataluña é unha nación simplemente queremos expresar libremente o que somos e o que queremos seguir sendo", insistiu, aínda que engadiu que dita afirmación se pode facer desde a "lealdade" ao resto de "pobos veciños" cos que se comparte unha realidade política de máis amplo alcance, en referencia ao resto das comunidades autónomas que fan parte do Estado.

O presidente número 128º da historia da Generalitat aseverou que esta institución de goberno non é un "accidente da historia", senón máis ben froito dun "espírito teimudo" de arelas de paz, xustiza e liberdade, xa que "en Cataluña, democracia equivale a autogoberno". A nacionalidade non se reivindica simplemente por un desexo de "recoñecemento institucional", afirmou.

Acto solemne
Ao acto tamén asistiron os conselleiros do goberno catalán e o ex presidente Jordi Pujol. Non puideron asistir o tamén ex xefe do executivo Pasqual Maragall e o seu irmán Ernest, conselleiro de Educación, por estar no funeral dunha irmá.

En declaracións aos xornalistas, Pujol reafirmou a idea de que Cataluña é unha "nación", malia os diferentes momentos históricos en que foi "atacada, suprimida e perseguida". Así mesmo, sinalou que sempre mantivo unha "vocación política" e iso, xunto coa historia contrastada, xustifican un "presente ambicioso" e que non sexa vista "como unha autonomía máis".

O vicepresidente da Generalitat, Josep-Lluís Carod Rovira, sinalou pola súa banda que non son moitos os gobernos no mundo que poidan "lucir" tantos anos de historia, e pediu unha homenaxe aos homes que se mantiveron fieis ás "institucións nacionais" por riba das adversidades, como Lluís Companys, fusilado polo franquismo por ser presidente catalán.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: