Galiza Nova lamenta o desinterese por parte da Dirección Xeral de Xuventude que negou a cesión dun albergue para os participantes.
As Xornadas do Reino de Galiza, que cada ano se celebran na Mariña Luguesa baixo a organización de Galiza Nova chegan este ano á súa décimo primeira edición. Esta fin de semana volverá a rememorarse o 17 de decembro de 1473, cando o Mariscal Pardo de Cela foi executado en Mondoñedo asentando na memoria a data simbólica do ocaso do antigo Reino de Galiza.
Malia os once anos que se levan celebrando estas xornadas, dende a organización lamentan a falta de colaboración e de interese por parte da Xunta. A Dirección Xeral de Xuventude respondeu negativamente á solicitude de Galiza Nova para a utilización do albergue de Area, en Viveiro, para o descanso dos participantes, tal e como se viña facendo cada edición. O motivo é a falta de persoal, mais a secretaria xeral de GN, Iria Aboi, subliña que nunca os houbo senón que eran os propios organizadores quen se facían responsábeis do local. Acusa así á Dirección Xeral de obstaculizar a organización deste acto.
Actividades
Malia todo e grazas á colaboración dos diferentes concellos, como o de Ribadeo ou Mondoñedo, as xornadas celebraranse como estaba previsto dende o 18 ao 20 de decembro na Mariña e os participantes poderán durmir no pavillón de Ribadeo e no colexio Antonio Pedrosa Latas de Viveiro.
No programa de actividades destaca a charla impartida polo historiador Xoán Ramón Fernández Pacios, a visita á praia das Catedrais, un partido de fútbol a prol da Selección galega, un roteiro polo casco histórico de Viveiro ou a festa-concerto. Ademais, realizarase o roteiro Pardo de Cela, con visita a Foz, A Frouxeira, Alfoz, Lourenzá e Mondoñedo. Pecharase o programa cun acto político no que intervirán o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, o responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, e a propia Iria Aboi.
Velaquí o programa:
VENRES 18 DE DECEMBRO
18.30 - CHEGADA A RIBADEO - PAVILLÓN
19.00 - RECEPCIÓN NO CONCELLO DE RIBADEO CO ALCALDE FERNANDO SUAREZ
20.00 - CHARLA SOBRE O REINO DE GALIZA- XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS (HISTORIADOR), NA CASA DAS LETRAS. 21.30 - CEA NA VILA.
A CONTINUACIÓN, SAÍDA POR RIBADEO, E DURMIDA NO PAVILLÓN.
SÁBADO 19 DE DECEMBRO
10.00- ALMORZO EN RIBADEO
11.00- SAÍDA PARA A PRAIA DAS CATEDRAIS
12.00- PARTICIPACIÓN NA CONCENTRACIÓN DO BNG FINALIZACIÓN OBRAS CORREDOR BARREIROS-FERROL
14.00- XANTAR EN VIVEIRO NO RESTAURANTE SAN ROQUE
16.30- PARTIDO POLA SELECCIÓN GALEGA, NO PAVILLÓN LOIS TOBIO
19:30- ROTEIRO POLO CASCO HISTÓRICO DE VIVEIRO, SUSO MARTINEZ HISTORIADOR
21:30- FESTA-CONCERTO CLAN MARAGATO E CEA NA CARPA DA PIZZBUR EN COVAS
03.00- SAÍDA DO AUTOBÚS CARA O COLEXIO ANTONIO PEDROSA LATAS
DOMINGO 20 DE DECEMBRO
10.00- ROTEIRO POLA RUTA DE PARDO DE CELA (VISITA A FOZ, A FROUXEIRA, ALFOZ, LOURENZÁ E MONDOÑEDO)
13.00- ACTO POLÍTICO NA PRAZA DE MONDOÑEDO
- IRIA ABOI, SECRETARIA XERAL DE GALIZA NOVA
- ANTONIO VEIGA OUTEIRO, RESPONSÁBEL COMARCAL DO BNG
- ORLANDO GONZÁLEZ, ALCALDE DE MONDOÑEDO
14.00- XANTAR