Velaí algunhas das claves que atopamos nas propostas que as formacións políticas debaterán proximamente.
Do pleno extraordinario do próximo 30 de decembro debera saír a reforma do decreto lexislativo de 2005 que a á súa vez aprobou o texto refundido das leis de 1985 e de 1996 sobre as caixas galegas. Traballando sobre o documento elaborado polo BNG e achegado como proposición de lei ao Parlamento de Galicia, PPdeG e PSdeG presentaron as súas respectivas achegas. Son 44 emendas no caso do PPdeG e, que implican modificar 23 artigos da normativa vixente, e 74 emendas os socialistas.
Segundo o criterio do grupo maioritario na Cámara, a futura lei de caixas de Galiza determinaría que a cota de representación do país se sitúe no 20 por cento nunha asemblea xeral de 160 membros, o que supón incorporar 32 integrantes designados por proporcionalidade no Parlamento. Ademais, no caso de que as caixas non conten con entidades fundadoras, como acontece na actualidade con Caixa Galicia, a esta cifra haberá que sumarlle o 10 por cento reservado para elas, o que eleva a 48 membros os elixidos en sede parlamentaria. Estes criterios aparecen recollidos nas emendas do Grupo Parlamentario Popular, que deron a coñecer este sábado o seu voceiro, Manuel Ruiz Rivas, e o seu responsable de Economía, Pedro Puy, os que apuntaron que, nesas iniciativas, se integra o rexeitamento a que os integrantes de órganos de dirección ocupen cargos políticos, desexo que expresou o presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Tamén os grupos da oposición, que presentaron este sábado as súas iniciativas, apostan por que esta competencia resida na Cámara baixo estas premisas. O BNG, que emenda así o seu proxecto de lei para especificar este asunto, tamén presentou outras seis iniciativas co obxectivo de "blindar" o veto ante un SIP e de que o Goberno coordine os investimentos e obra social que teñan que realizar as caixas foráneas en Galiza. Os populares manteñen o parámetro do 20 por cento que introduciu o Bloque na súa proposición de lei; pero que choca co PSdeG. Esta formación discirne entre o 13% para Galiza nos casos en que as caixas conten con entidades fundacionais (como Caixanova, onde o son o Concello de Vigo e as deputacións de Pontevedra e Ourense) e o 21% para as que non, caso de Caixa Galicia. Ao respecto da asemblea, o PPdeG establece no 30% a representación dos impositores, deixa no 10% a dos empregados, e fixa nun 20% os membros das corporacións locais. Para as entidades fundadoras, aplica ata o 10% e un 10% ás institucións sociais. Os órganos de goberno terán que estar adaptados en dous meses e os estatutos en seis.
"Pluralidade" e "flexibilidade"
Non obstante, o PSdeG apostou por unha solución "flexible", que supón recoller a situación de partida para entidades como Caixanova, na que se mantería o 17,5% de participación de entidades fundadoras que existe a lei vixente. Ademais, os socialistas avogan por que os municipios estean representados no 26 por cento, á que se suma a de Vigo como "maior concello".
A maiores os socialistas fixan por enriba do 11% a representación institucional a través das entidades do Consello Económico Social de Galicia para determinar a representación --sindicatos, confederacións de empresarios, universidades e outras organizacións de carácter social-- e o Consello Xeral de Economistas e o de Avogados de Galicia. Non obstante, a defensa do PPdeG é repartirse ese 10% entre organizacións o CES (25%), as representadas no CES que non teñen carácter corporativo ou institucional (25%) e a metade para entidades benéfico-sociais. O PPdeG aposta, en todos os casos, por que a representación sexa estritamente proporcional, co que se garante a "pluralidade", ao tempo que se concede a estabilidade aos órganos de goberno que non estarían suxeitos a cambios de maiorías. Ademais, para ser membro dos consellos de administración haberá que ser obrigatoriamente integrante da asemblea e, paralelamente, o representante da cámara poderá estar á vez nos consellos de dúas caixas.
A maiores, estabelécense os criterios de que as persoas designadas conten con experiencia nos ámbitos xurídico e económico, non poderán ostentar ningún cargo de designación política nin representativa e establécese a idade máxima de 70 anos a director xeral e a todas as entidades participadas, fronte aos 65 establecidos polo BNG. O PPdeG tamén estabelece a asistencia obrigatoria dos directores xerais aos consellos de administración, algo que ata agora era potestativo. No suposto de que un membro da asemblea ou dos consellos cumprise a idade máxima ou accedese a un cargo político, esa causa suporía cesamento. Ademais, os integrantes dos órganos de goberno das caixas non poderán estar vinculados a estas ou as súas empresas en máis dun 20 por cento directa ou indirectamente durante o mandato e dous anos seguintes, salvo que sexa un propio empregado da entidade crediticia.
Operatividade, banca pública e SIP
Ademais, o PPdeG elimina da proposición de lei calquera tipo de aproximación que signifique camiñar cara a unha banca pública ou os artigos que sexan "fondamente intervencionistas". Ao respecto da primeira das cuestións, os populares advirten de que mesmo podería conter problemas legais coas normativas europeas.
Para mellorar a operatividade das caixas, o PPdeG propón mellorar a documentación dos asuntos a tratar en cada asemblea e mellorar a comunicación dos acordos coa consellería competente. Ademais, neste sentido créanse comisións delegadas obrigatorias para a obra social --con reunións cada tres meses e un informe anual--, comisión de retribucións e outra de investimentos, que tamén deberá dar contas ao consello de dirección coa elaboración dun documento. A maiores, introduce maior frecuencia de reunións dos consellos de administración e mellora a transparencia ao respecto dos altos cargos. Entre outras cuestións acerca da intervención da Xunta, terá esta, de forma obrigatoria, que autorizar preceptiva para determinados investimentos en función do risco que supón para a entidade, como para en proporción dos recursos propios ou totais de cada unha das caixas.
En canto a posibilidade das alianzas externas, os populares complementan a autorización de producirse un sistema internacional de protección (SIP), de forma que a Xunta deberá recibir información no caso de que se producisen estas circunstancias. Pola súa banda, o PSdeG rexeita nas súas emendas impedir alianzas externas, posto que, segundo asegurou o seu voceiro parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, "non sería sensato". En todo caso, propón reforzar o carácter democrático, de maneira que sexa a Xunta a que tome as decisións nos casos de SIP, e non a conselleira, ao tempo que o Parlamento poida participar a través de propostas de resolución, tras comunicación previa do Goberno autonómico.
Obra social
O quinto eixo das iniciativas versa na obra social, para a que o grupo maioritario da Cámara inclúe os principios de universalidade e mellorar o tecido produtivo, sanidade, servizos sociais e cultura e deporte de base, entre outros. De feito, os grupos da oposición tamén fan mención á necesidade de reforzar este ámbito para favorecer os intereses de Galiza.
Tamén se reforza a capacidade da consellaría para revisar a obra social, de forma que deberá autorizar os acordos da asemblea xeral relativos ás atribucións dos excedentes á obra social, os presupostos de cada exercicio e as liquidacións anteriores.