Aínda que Feijoo recoñece que non existe “democracia plena” nos procesos electorais do exterior, non considera urxente unha reforma de cara ás municipais.
O voto da emigración será outra vez decisivo nas eleccións municipais de 2011. O sufraxio en urna e con todas as garantías seguirá sendo unha quimeira. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, aproveitou unha viaxe por Sudamérica para reivindicar unha reforma lexislativa “para traer a democracia plena no voto da emigración”. O líder “popular” aplicaba este eufemismo para recoñecer o que se vén denunciando dende hai tantos anos: En cada proceso electoral chegan a Galiza milleiros de papeletas susceptíbeis de teren sido manipuladas.
Aínda que historicamente sempre arremeteu contra quen se atrevía a cuestionar a transparencia do voto da diáspora, o PPdeG ensaia dende hai algún tempo unha viraxe no discurso. Feijoo reabriu esta semana o debate e mandoulle un recado ao presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero, para que mova ficha de cara ás eleccións estatais previstas para 2012. Só o Congreso ten capacidade lexislativa para variar a normativa actual.
Mais chama a atención que o presidente da Xunta dea por perdida a batalla por unha reforma a máis curto prazo, de cara ás eleccións municipais que se celebrarán dentro de 18 meses. Precisamente é nestes comicios onde se ten revelado como máis decisivo o voto chegado dende a diáspora.